A Deputación de Pontevedra inicia a licitación da rotonda da estrada de San Vicente nas Lampáns
Fecha: 2019-04-25
Trátase dunha obra fundamental na pacificación do tráfico nesa vía.
A estrada interior de San Vicente presentaba, desde hai xa tempo, claros problemas de seguridade viaria que foron abordados polo goberno local. Co fin de acabar con este problema, xa nos pasados anos se instalaron pasos elevados nas zonas máis conflitivas (más próximas ás vivendas), mediante fondos da Deputación de Pontevedra. Así, cóntase con lombos fronte a igrexa de San Vicente e diante da Casa da Cultura e os dous restantes en Reboredo e Balea. Todos contan con redutores de velocidade e iluminación.
Porén, os propios técnicos da Deputación consideraron fundamental a construción dunha rotonda no cruzamento entre San Vicente e As Lampáns, dado que se trata dunha zona con sinistralidade e onde, a pesar dos controis, se rexistras excesos na velocidade. Esta rotonda obrigaría a reducir a velocidade e a regular o tráfico nunha zona que resulta sensible tanto pola proximidade do colexio das Bizocas como polo campo de fútbol.
Unha vez que foi preparado o proxecto por parte dos técnicos do ente provincial, foi necesario proceder a negociación da cesión dos terreos, tarefa complexa que foi xestionada desde o propio Concello e que supuxo varios meses de traballo. Tras a súa correcta xestión, a Deputación procede agora á licitación das obras, cuxa adxudicación está prevista para o vindeiro 14 de maio.
Lombos
Ademais da adxudicación desta importante obra, a Deputación tamén procederá nos vindeiros días a colocación de lombos na avenida do Conde, na subida a Meloxo e na estrada de San Vicente, continuando así co plan de mellora e pacificación do tráfico iniciado hai xa tres anos.