O Concello do Grove solicita unha reunión coa nova conselleira de Educación para abordar o problema do ‘Edificio dos mestres’
Fecha: 2019-05-03
A situación deste edificio continúa empeorando e será preciso tomar medidas ao respecto.
O Concello do Grove vén de reiterar as súas solicitudes de reunión coa Consellería de Educación da Xunta de Galicia, neste caso dirixíndose á nova conselleira que ocupa o cargo. As informacións publicadas hoxe de que a Xunta de Galicia ten activado 26 millóns de superávit para obras en centros escolares e forestais fan preciso reiterar as solicitudes xa presentadas ao respecto. En concreto, a gravidade da situación do “Edificio dos mestres”, que segue en proceso de deterioración, require que a Xunta teña que intervir ao respecto.
Lembramos que na última reunión mantida co anterior conselleiro e o xefe provincial de Educación –coincidindo coa sinatura do convenio para o comedor de Rosalía de Castro-, os técnicos da Xunta de Galicia indicaron que, tras a análise da situación do colexio, este precisaría de maior superficie, e por iso ían manter a titularidade do edificio co fin de poder construír un ximnasio, un comedor e incluso aulas de apoio.
Por todo isto resulta importante que a Xunta priorice esta actuación dándolle unha solución para este inmoble. O seu mal estado supuxo que o Concello tivese que facerse cargo de reparacións custosas nos pasados anos e todo apunta a que este problema poida volver a repetirse.