Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O Concello do Grove conmemora o Día Internacional da Lingua Materna

Fecha: 2020-02-22

O acto tivo lugar a primeira hora da tarde de onte na Escola Infantil A Galiña Azul de Rons.

 

O Concello do Grove, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL), celebrou onte, 21 de febreiro, o Día Internacional da Lingua Materna na Escola Infantil A Galiña Azul de Rons, onde desenvolveu unha actividade de dinamización lingüística coa finalidade de concienciar as nais e os pais da importancia da transmisión interxeracional da lingua galega desde a máis tenra infancia, etapa na que a rapazada comeza a descubrir a realidade que a rodea, asemade de poñer en valor o plurilingüismo e a diversidade cultural para a consecución dunha educación de calidade para todas e todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio lingüístico e sociocultural propio.

 

Durante o acto repartíronse entre as familias usuarias do servizo mochilas co lema da campaña, “O futuro do galego está en nós”, e folletos cunha decena de razóns para animar os maiores a seguir promovendo e transmitindo o galego entre a rapazada, cuxo contido foi elaborado polo SNL municipal coa colaboración do Equipo de Dinamización da Lingua Galega da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra.

 

Nesta acción dinamizadora estiveron presentes o alcalde do Grove, Jose Cacabelos; a concelleira de Educación, Pili Galiñanes; a concelleira de Cultura, Noemí Outeda, e o concelleiro de Servizos sociais, Kito Parada, o concelleiro de Limpeza e Mercado, Juan Ramón Outeda, ademais do responsable do SNL municipal e da directora e persoal do centro escolar.