O CONCELLO CONTINÚA AVANZANDO NA PLATAFORMA DE VENDA EN LIÑA PARA O COMERCIO E SOLICITA A PARTICIPACIÓN DA HOSTALERÍA
Fecha: 2020-05-08
A plataforma recollerá a posibilidade de solicitar comida a domicilio e reservar en restaurantes.
O Concello do Grove segue cos traballos de planificación e posta en marcha de medidas para contribuír á recuperación da economía local. Ademais do Plan de Comercio que está xa adiantado e empezou a ser presentado ás asociacións comerciais, estase traballando en medidas no relativo ao turismo. Ambas as cuestións serán analizadas na comparecencia que o alcalde realizará mañá sábado.
No relativo ao turismo, unha das vías primordiais atópase na colaboración e unificación de recursos, por iso o alcalde fai un chamamento aos restaurantes e establecementos de comida da localidade para que, aqueles que así o desexen tamén participen no marketplace que o Concello está creando para o comercio local, de tal xeito de que, a través da mesma plataforma se poidan realizar pedidos a domicilio e xestionar reservas (algo que resultará fundamental na seguinte etapa para garantir o correcto fluxo de persoas nos establecementos).
Ante a dificultade de organizar reunións informativas con presenza de todas as persoas interesadas, desde o Concello do Grove agradécese a difusión desta información, que será reiterada mañá, para poder contar con bases de datos de establecementos participantes e poder comunicar adecuadamente os detalles sobre as medidas que serán tomadas.