O CONCELLO ADQUIRE MATERIAL DE PREVENCIÓN PARA O PERÍODO DE MATRÍCULA NOS CENTROS ESCOLARES DA LOCALIDADE
Fecha: 2020-05-11
A Xunta de Galicia non lle facilitará os elementos de protección ao persoal que se ten que encargar dos trámites a partir desta semana.
O Concello do Grove informa de que adquiriu material de protección (xel hidroalcólico, máscaras e luvas) para poñer á disposición do persoal que, a partir desta semana, se encargará da tramitación das matrículas no segundo ciclo de infantil, primara e secundaria nos centros educativos da localidade. Esta medida adóptase logo de que saltara a alerta ao informarse de que o persoal que se ten que encargar deste traballo non ía ter á disposición estes elementos por parte da Xunta de Galicia.
Lembramos que estes trámites poderán facerse a partir desta semana e requiren que os pais e nais dos cativos teñan que presentar a documentación de xeito presencial, polo que resulta fundamental que, ao igual que se fai noutro tipo de establecementos públicos e privados, se sigan mantendo mentidas de seguridade e control. Por esa razón o Concello decidiu suplir esta carencia que, ao fin e ao cabo, resulta sinxela e necesaria, manifestando a estrañeza por que non fora atendida polo ente autonómico responsable.