O CONCELLO RECLAMA DA XUNTA DE GALICIA UNHA MAIOR CELERIDADE E RACIONALIDADE NOS PROCESOS DE CONTRATACIÓN DE PERSOAL
Fecha: 2020-05-11
O alcalde dirixiulle hoxe unha carta ao vicepresidente do Goberno autonómico, Alfonso Rueda, na que demanda cambios no relativo á contratación de persoal da Policía Local.
O Concello do Grove leva tempo chamando a atención sobre a necesidade de cambiar os procedementos de selección de persoal, que resultan lentos e pouco operativos para os municipios en moitas das áreas fundamentais (Secretaría, Intervención, persoal técnico, Policía...). Dun xeito máis concreto, o alcalde expuxo a problemática que, ano tras anos, se leva sufrindo con respecto á contratación de persoal para a Polícia Local.
Desde hai tres anos existe un convenio asinado, xa que é a Xunta de Galicia a que, a través da Academia Galega de Seguridade, a que realiza a selección para toda a Comunidade Autónoma e, con base nas peticións dos concellos, vai cubrindo as prazas. No Grove solicitáronse tres, que tomaron posesión un pouco antes do decreto de estado de alarma. A partir dese momento xa é o Concello do Grove o que se ten que facer cargo dos seus salarios. Non obstante, a partir dese momento a Academia Galega de Seguridade reclámaos para realizaren cursos obrigatorios de formación complementaria nun período en que o Concello se debe facer cargo dos seus salarios e axudas de custo.
Este ano, de xeito excepcional polo estado de alarma, permitiuse que este persoal xa estivera en marzo e abril facendo as prácticas no Concello, pero agora comunícase que nos meses de xuño e xullo terán que volver á Academia Galega de Seguridade para realizaren os cursos e que poden volver no mes de agosto, pero volvendo de novo en setembro. Todo isto resulta inexplicable e crea, de volta, problemas para a xestión municipal, agravados pola necesidade de contar con persoal para garantir o cumprimento do estado de alarma.
Ante isto, o alcalde do Grove reitera a necesidade de que todos os organismos colaboren e se adapten á nova realidade que estamos vivindo e, se todos e todas estamos buscando solucións para o bo funcionamento da Administración pública, non resulta comprensible que a Xunta non se adapte propoñendo posibilidades lóxicas, como a formación telemática a distancia do persoal. A Xunta ten, máis que nunca, que reaccionar ante todo isto. Así, a carta elaborada polo alcalde céntrase na necesidade de evitar que se volva deixar o servizo de Policia sen recursos e, en segundo lugar, que se busquen novas vías de formación. O problema de base atópase en que non ten sentido que se lles outorgue unha praza aos policías nos concellos e logo non se dispoña dese persoal ata case nove meses despois, mentres o muncipio asume os gastos de salario e incluso de desprazamentos. Neste momento este problema resulta, se cabe, especialmente grave.