Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO CONVOCA OS COMERCIANTES AO PRIMEIRO CURSO DE FORMACIÓN SOBRE MÁRKETING PREPARATORIO PARA O ‘MARKETPLACE’

Fecha: 2020-05-14

 

Dentro do Plan estratéxico de recuperación do comercio local do Grove contémplase un importante reforzo formativo.

 

Como xa informou o alcalde do Grove na comparecencia da pasada semana, o plan de recuperación comercial que está en marcha permitirá que O Grove conte cunha plataforma de venda en liña para todo o comercio local que será posta en marcha e financiada integramente polo municipio. De xeito paralelo, e como primeira toma de contacto de todas e todos os comerciantes interesados, ponse en marcha un programa de sesións formativas sobre márketing en xeral e márketing dixital en particular para que quen participe poida ver as súas posibilidades neste novo espazo de venda.

 

Así, as sesións comezarán este luns a través da plataforma telemática Zoom do Concello do Grove. Trátase dunha formación titulada “E agora que? O pequeno comercio tras a crise da Covid-19” na que se falará da crise como punto de partida, como o cambio e necesidade de adaptarse ao novo medio; a revisión da proposta de valor: quen é a nosa clientela, que necesita e como lle podo axudar; casos de éxito en épocas de crise e, finalmente, da importancia da dixitalización. A sesión terá unha duración de unha hora e media coa posterior rolda de preguntas e consultas por parte das persoas participantes. Será impartida por José Manuel Suárez.

 

Esta primeira sesión será, como xa dixemos, o vindeiro luns 18 ás 20.00 horas e as seguintes terán lugar o xoves 21 ás 20.00 horas, neste caso co título “Márketing básico para comercio local” e o luns 25 de maio ás 20.00 horas: “Iniciación ao Márketing dixital”. Nesta primeira rolda trataranse contidos xerais e adaptados a todo tipo de negocios. Unha vez superada esta fase e coa plataforma xa en funcionamento, realizaranse as correspondentes sesións de formación para o uso específico da ferramenta.

 

Para asistir á sesión tan só é necesario remitir un correo electrónico cos datos do comercio e de contacto a

omix@concellodogrove.es; o correo será respondido coas instrucións para a conexión de xeito sinxelo desde un ordenador, móbil ou tablet.