O CONCELLO DO GROVE CELEBRA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS A TRAVÉS DAS REDES SOCIAIS
Fecha: 2020-05-16
Infórmase tamén da previsión de reapertura da biblioteca.
A celebración desta ano do noso Día das Letras Galegas atópase condicionada pola actual situación de alerta . A pesar disto o Concello do Grove non quere deixar pasar a oportunidade de celebrar esta importante data, que es este ano está adicada a Ricardo Crevalho Calero. Cada ano o Concello do Grove organizaba unha completa programación de animación á lectura con variadas actividade polo que este ano quere tentar manter esa dinámica inda que sexa a través do Facebook, Twitter, Youtube e Instagram.
Nestes espazos os veciños e veciñas da localidade poderán desfrutar dun vídeo conmemorativo das Letras Galegas no que se ofrece unha explicación da conmemoración deste ano ademais de contar coa lectura de poemas de Rosalía de Castro a cargo do persoal e usuarios e usuarias da Rede de Bibliotecas. A través das redes tamén estará dispoñible o poemario “O tempo voa” de Joao Pedro Méssder e Gémeo Luis e o contacontos “Un segredo do bosque” de Javier Sobrino e Elena Odriozola.
A organización destas actividades a través da Rede de Bibliotecas dá continuidade á dinamización mantida durante todos estes días onde se puido desfrutar de lecturas de contos e recomendacións, cunha resposta moi positiva por parte dos usuarios e usuarias que seguen colaborando e participando destas actividades.
Reapertura da Rede de Bibliotecas
A reapertura da biblioteca está prevista para o vindeiro mércores 20 de maio. Esta reapertura estará marcada por un protocolo de actuación cunha serie de medidas que, xunto coas xa establecidas polas recomendacións sanitarias, garanten unha reapertura segura das instalacións nun ambiente de confianza, tanto para o persoal como para as persoas usuarias que a visitan. O plan terá carácter gradual optimizando os recursos dispoñibles (tanto humanos como materiais), para pode atender o público con garantías e controlar o acceso ás instalacións co cumprimento da normativa.
Durante estes días procedeuse ao acondicionamento dos espazos, procedendo á sinalización mediante infografías específicas dos mesmos e a establecer as medidas necesarias. As bibliotecas abrirán unicamente para o servizo de préstamo e devolución de materiais. O horario de apertura será de luns a venres de 10.00 a 14.00 h e os mércores de 16.30 a 20.30 h, dando preferencia na primeira franxa horaria ás persoas maiores ou en situación de risco. Pódese contactar directamente coa biblioteca para calquera dúbida con respecto ao servizo (biblioteca@concellodogrove.es).
Protocolo de reapertura da biblioteca>