A POLICÍA LOCAL DO GROVE FÓRMASE PARA O USO DUNHA NOVA PLATAFORMA INFORMÁTICA DE XESTIÓN
Fecha: 2020-06-09
O aplicativo XesPol centraliza trámites de traballo administrativo, penal e de tráfico.
Durante todo o día de onte os efectivos da Policía Local do Grove asistiron a un curso de formación para se poñeren ao día no manexo dunha ferramenta específica para as súas funcións. Trátase da plataforma XesPol, creada por Kathy Pena e Manuel Fuentes, policías locais en Carballo, e cuxos autores llela cederon aos concellos galegos. Esta ferramenta, empregada na actualidade en 29 municipios, centraliza trámites administrativos, penais e de tráfico, o que simplifica sensiblemente os procedementos que as e os axentes da Policía Local teñen que realizar nos expedientes.
A través desta nova plataforma poden recollerse case a totalidade da casuística de accidentes, a xestión de incidencias de violencia de xénero ou os delitos da seguridade viaria. Neste senso, debe terse en conta que o sistema garante o cumprimento da Lei de protección de datos. Este software policial foi recoñecido recentemente pola Unión Galega de Policías Locais como unha das mellores ferramentas de referencia no seu ámbito. Unha das súas vantaxes fundamentais é que grazas aos protocolos de actuación que ten integrados permite unificar criterios de actuación profesional e, deste xeito, pode garantirse que todos os concellos incorporados á Xespol actuarán do mesmo modo.
Ademais disto, cómpre sinalar que a plataforma está dispoñible en galego e en castelán, polo que é a única deste tipo que ofrece a posibilidade de escolla idiomática. O persoal da Policía Local do Grove porá en práctica ao longo do día de hoxe a formación recibida e nas vindeiras semanas contará cunha nova sesión formativa de catro horas de duración para resolver posibles dúbidas que fosen xurdido durante o seu uso.