A REDE DE BIBLIOTECAS DO GROVE ADÁPTASE Á NOVA FASE
Fecha: 2020-06-11
A Axencia de Lectura de San Vicente reactivará o préstamo a vindeira semana.
Como xa se ten informado, o Concello do Grove elaborou un protocolo de actuación para a reapertura da Rede de Bibliotecas co fin de garantir a seguridade das persoas usuarias e do persoal. A Rede de Bibliotecas, que inclúe a Biblioteca Municipal do Monte da Vila e a Axencia de Lectura de San Vicente, funciona como unha única entidade para o servizo da veciñanza, polo que o protocolo era de aplicación para ambos os espazos e cos mesmos criterios. Deste xeito, a Biblioteca Municipal abriuse na fase 1 cunha reestruturación de espazos, medidas de hixienización e limitación dos servizos. As instalacións permitiron establecer un circuíto de uso seguro para os usuarios e o persoal.
Dende a primeira fase o servizo facilitado era o de préstamo e devolución de libros, con capacidade limitada e contando con marcas no chan das distancias de seguridade e con dispensadores de xel hidroalcólico, sendo obrigatorio o uso de máscaras. Os usuarios non poden acceder á colección nin á sala infantil; os materiais solicitados son entregados polas bibliotecarias e os devoltos non son tocados, senón que os lectores os depositan nunha caixa e, ao rematar o día, colócanse en corentena durante 14 días nunha sala pechada e ventilada.
Ademais disto, tamén se permite a consulta de libros nun espazo habilitado no hall, pero con cita previa e con tempo limitado, contando coa desinfección do posto de lectura cada vez que este se empregue. Debe terse en conta que non se dispón do servizo préstamo de ordenadores xa que os equipos lles foran cedidos aos rapaces e rapazas que os precisaban para seguir a docencia dende os seus fogares.
A Axencia de Lectura de San Vicente
No relativo á Axencia de Lectura de San Vicente, aplicáronse as mesmas medidas establecidas no protocolo de actuación, non obstante, debe terse en conta que as características das instalacións non cumpren cos requisitos establecidos nas fases que levabamos ata o de agora, polo que a súa apertura tivo que agardar ata a próxima semana. Os ditos requisitos, segundo o Ministerio de Cultura e Deporte, eran que as coleccións de libros e salas infantís deben permanecer pechadas. Ademais, a Axencia de Lectura non permite garantir o distanciamento de dous metros e, ao non contar con salas de estudo nin de lectura independentes, as persoas usuarias non poden permanecer lonxe das coleccións.
Para evitar estes problemas, foi instalado un tabique de protección e creado o correspondente circuíto de acceso que permitirá que San Vicente recupere o servizo de préstamo e devolución. A reactivación do servizo realizarase inicialmente os martes e xoves, de 10.00 a 14.00 horas, atendendo a que, segundo as estatísticas da Rede de Bibliotecas, o préstamo na axencia é notablemente inferior que na biblioteca e este horario será suficiente. Progresivamente, en canto as condicións sanitarias o permitan, iranse ampliando horarios e servizos na Rede.
O luns, dispoñibles salas de estudo
Amais de avanzar nos servizos na Axencia de Lectura de San Vicente, o luns tamén haberá novidades na Biblioteca Municipal. Así, poderase dispor de sala de estudo e do uso de ordenadores, se ben ambos os servizos deberán ser solicitados mediante cita previa no teléfono 986 732 341, por correo electrónico ou a través das redes sociais, en horario de 9.00 a 14.00 horas.