O CONCELLO DO GROVE CONDENA OS ACTOS VANDÁLICOS CAUSADOS NA LOCALIDADE A FIN DE SEMANA PASADA
Fecha: 2020-08-26
O alcalde do Grove solicítalle á Policía Local man dura contra este tipo de actividades.
O concello do Grove sufriu a pasada fin de semana varias accións vandálicas que, segundo as primeiras indagacións, foron realizadas por grupos de mozos, na súa meirande parte visitantes na localidade. Amais de causar graves estragos no Monte Central e na zona do Redondo, foron roubadas plantas e danados xardíns no centro da vila. Dende o Concello solicitóuselle á Policía Local que actúe co máximo rigor ante estes comportamentos que non poden ser permitidos en ningunha ocasión e que, ademais, resultan máis graves tendo en conta que se cometen aproveitando o horario de peche decretado debido á pandemia, o que fai que as persoas se retiren das rúas moito antes do que sería habitual nesta época do ano. O Concello do Grove estuda tamén adiantar outras medidas previstas para os vindeiros meses, como a colocación de cámaras de vixilancia en determinadas zonas.