O CONCELLO DO GROVE E A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA XA ESTUDAN NOVAS PROPOSTAS DE MELLORA DA ZONA DE SAN VICENTE
Fecha: 2020-08-27
O alcalde, os deputados provinciais e os membros do Goberno visitaron onte a rotonda de San Vicente, que supón un novo avance na mellora da zona da man da Deputación.
A Deputación de Pontevedra executou este ano unha importante actuación cun custo de máis de 220.000 euros na zona de San Vicente mediante a execución dunha rotonda e das correspondentes medidas de pacificación de tráfico, ademais da mellora das beirarrúas (para que cumprisen coas medidas regulamentarias) e da colocación de iluminación led de eficiencia enerxética. Trátase dunha actuación financiada ao 100% pola Deputación e que completa un plan de traballo que pretende a necesaria mellora de toda a estrada que une o centro da localidade coas zonas rurais de San Vicente.
Alén desta actuación, a Deputación xa acometera o proxecto de melloramento na zona da igrexa, cun modelo de actuación distinto e de carácter integral onde non só o asfaltado dunha estrada é o principal senón que se teñen en conta as subministracións á iluminación e sempre se priorizan os peóns e as bicicletas na procura asemade dunha redución da velocidade dos vehículos de motor. Ese primeiro proxecto de 2015 e este segundo da rotonda actual demostran a importancia da colaboración entre as administracións, tendo en conta as necesidades que son coñecidas de primeira man polos municipios e executando, por parte da Deputación, obras realmente necesarias.
Deste xeito, o Concello xa propuxo unha nova actuación para continuar mellorando toda a estrada que conecta o núcleo urbano coa zona rural, unindo Campos, Reboredo, Balea... Así pois, a proposta é a creación dunha senda para unir Campos e Reboredo, que conta con zona peonil segura e carril bici. Trátase dun tramo moi empregado para acudir ás praias da zona e esta obra pode supoñer un cambio positivo fundamental neste espazo. Os técnicos da Deputación xa estiveron estudando as posibilidades na zona para elaborar o que pode ser outro dos grandes proxectos da Deputación de Pontevedra no Grove durante este mandato.