O CONCELLO DO GROVE PONSE A TRABALLAR MAN A MAN COS CLUBS DEPORTIVOS PARA CONSEGUIR RECUPERAR A ACTIVIDADE DEPORTIVA
Fecha: 2020-08-27
O alcalde e o concelleiro de Deportes mantiveron o mércores unha reunión cos representantes dos clubs onde se conseguiu unha boa sintonía para colaborar de xeito directo na volta ao deporte segura.
O Concello do Grove comezou unha reapertura das instalacións deportivas que tivo que se freada ante a aparición de casos de Covid na localidade. A pesar deste feito, O Grove non quere deixar de lado os deportistas e os clubs, especialmente no relativo ás categorías inferiores, polo que o mércores se mantivo unha importante reunión na que estiveron presentes o alcalde, o concelleiro de Deportes, a técnica de Deportes e os representantes dos clubs (en todas as disciplinas).
O máis positivo da reunión estivo no feito de que a prioridade de todos e todas é a seguridade. Partindo desa premisa, a seguinte preocupación está no feito de que a rapazada da localidade recupere a actividade deportiva, xa que se trata dunha cuestión de saúde e de evitar o sedentarismo que provocou a corentena e a posterior desescalada. Así, o compromiso do Concello do Grove está en establecer contacto individualizado con cada un dos clubs para que estes poidan identificar que categorías deberán comezar, cantos grupos e que número de persoas por grupo.
Dende o Concello do Grove reclámase información sobre as competicións deportivas da Secretaria Xeral dos Deportes e das distintas federacións deportivas que, a día de hoxe, non contan con protocolos concretos de recuperación da actividade nin con propostas de calendario de inicio das temporadas, o que pode supoñer que este ano non se conte con competicións deportivas, agás no caso de ximnasia rítmica. Deste xeito, o importante (antes que a competición) é retomar a actividade física da rapazada de xeito organizado, controlado e convivindo coa pandemia con garantías.
Clubs e Concello ven con bos ollos o protocolo deportivo inicial, pero tamén acordarán protocolos específicos para cada disciplina con responsabilidade compartida de todos os implicados (Concello, clubs e deportistas), o que se traducirá en condicións estritas con menos horas e menos persoas por grupos. A partir dese punto inicial será preciso ir creando un plan paso a paso para a recuperar a normalidade, sempre avaliando riscos e consolidando o bo desenvolvemento das prácticas de seguridade. A intención é poder comezar coas categorías básicas o antes posible.