O CONCELLO DO GROVE FORMA PARTE DO PROXECTO AUDIOVISUAL RUTA XACOBEA MAR DE AROUSA E ULLA
Fecha: 2020-09-18
O proxecto, liderado pola Fundación da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla, conta cunha subvención parcial do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia.
A Fundación da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla conseguiu unha axuda para a realización de dous proxectos audiovisuais centrados nas excelencias da ruta orixinal do Camiño de Santiago: a ruta marítima. Dun xeito máis concreto, trátase do “Proxecto Audiovisual da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e de Ulla: vivencias” e do “Proxecto O Camiño Xacobeo do Mar de Arousa e Ulla a través do percorrido virtual”, ambas as pezas que resultarán verdadeiramente atractivas na promoción desta ruta e das distintas localidades que a compoñen, entre as que O Grove ten acadado un lugar privilexiado en referencia a Adro Vello, a moeda xacobea e o seu cruceiro marítimo.
Ao non se conseguir unha subvención para lle facer fronte á totalidade do proxecto, o padroado da Fundación acordou distribuír a diferenza de custo entre todos os seus patróns, de xeito que o Concello do Grove achegará un total de 645,12 euros dos fondos de promoción turística para colaborar na posta en marcha destas dúas iniciativas (289,19 euros na primeira acción e 355,93 na segunda).