O PROXECTO ‘1 M2 POLA NATUREZA’, QUE DÁ A COÑECER A IMPORTANCIA DE LOITAR CONTRA A ‘BASURALEZA’, CHEGA ESTA FIN DE SEMANA AO GROVE
Fecha: 2020-09-25
A actividade, que xorde por iniciativa de SEO/Birdlife, chegará mañá 26 de setembro á praia de Area da Cruz.
O proxecto LIBERA, que xurdiu por iniciativa da organización ambiental SEO/Birdlife en alianza con Ecombes, ten como obxectivo a loita contra a basuraleza, entendo como tal o lixo que se deposita con consecuencias fatais na contorna natural. A intención é loitar contra este grave problema a través do coñecemento, a prevención e a participación. Dende que fora posto en marcha, hai xa tres anos, o proxecto LIBERA conseguiu mobilizar máis de sesenta mil persoas en toda España e colaborou con 860 organizacións e colectivos.
Como referencia fundamental deste proxecto está a iniciativa “1 m2 pola natureza”, que consiste nunha gran limpeza colaborativa anual que se realiza a nivel nacional. Este proxecto serve para vertebrar a todas as asociacións, voluntariado, entidades, empresas e, en xeral, a todas as persoas concienciadas que queren unirse e tecer unha rede de colaboración para loitar unidos e unidas contra a basuraleza durante un día en espazos naturais de toda España.
A actividade consiste na recollida de basuraleza nas zonas determinadas, de xeito concreto, no Grove realizarase na praia de Area da Cruz mañá, 26 de setembro, adicándolle dúas horas a esa limpeza. Os grupos estarán formados por dez voluntarios (debido á normativa Covid-19) e as persoas participantes puideron inscribirse para participar a través da Deputación de Pontevedra. A quen participe facilitaráselle material como luvas, bolsas de distintas cores para separar os residuos (azuis, amarelas, verdes e negras) e protección para a cabeza co fin de evitar o impacto do sol; ademais, as persoas participantes estarán cubertas por un seguro.
Alén da recollida de mañá no Grove, o vindeiro 3 de outubro terá lugar unha actividade similar na praia de Nerga (Cangas). O obxectivo é liberar basuraleza destes espazos, pero tamén aplicar unha metodoloxía adecuada nesta recollida, na que se empregarán aplicacións para rexistrar os datos que formarán parte do “barómetro da basuraleza”. Esta información incorporarase ás bases de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para coñecer a cantidade, o volume e o tipo de lixo recollido nestas zonas.
Máis información e inscricións: https://www.depo.gal/es/proxecto-libera