NOVO HORARIO DA REDE DE BIBLIOTECAS DO GROVE
Fecha: 2020-09-29
Este importante servizo adáptase ás novas necesidades e disporá de atención telemática e telefónica.
Co obxectivo de atender as necesidades da poboación educativa e de seguir ofrecendo un espazo seguro, con todas as medidas de hixiene e sanitarias establecidas polo Ministerio de Sanidade e a OMS, a partir do próximo 1 de outubro poñerase en marcha un cambio de horarios na Rede de Bibliotecas do Grove.
Así pois, a Biblioteca Municipal do Grove abrirá os luns, mércores e venres en horario de 16.30 a 20.30 horas e os martes e xoves de 9.00 a 14.00 horas. No referido á Axencia de Lectura de San Vicente, estará aberta os martes e xoves en horario de 16.30 a 20.30 horas. Deste xeito garántase unha limpeza e desinfección exhaustivas, así como a ventilación das instalacións todos os días ao rematar a xornada para ofrecer unha maior seguridade fronte á Covid-19. Máis concretamente, a aula de estudo poderá utilizarse no horario previsto, pero sempre con cita previa, xa que a capacidade é limitada para poder garantir a distancia interpersoal de 1,5 metros.
A atención presencial completarase con atención telemática e telefónica de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas a través do teléfono 986 732 341 e do correo electrónico biblioteca@concellodogrove.es ou nas redes sociais habituais. O horario será flexible e adaptable, xa que poderá ir mudando en función das necesidades e dos escenarios cambiantes derivados da evolución da pandemia.