Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE INFORMA AO CONSELLO LOCAL DE TURISMO DOS RESULTADOS DA FESTA DO MARISCO DE 2019

Fecha: 2020-10-02

 

As contas definitivas serán postas á disposición da veciñanza no apartado de transparencia da web municipal, como se vén facendo dende hai cinco anos.

 

Inda que nas pasadas edicións as contas da Festa do Marisco eran publicadas meses antes, o parón administrativo provocado pola Covid-19 supuxo unha demora nestas. En calquera caso, na tarde de onte tivo lugar a reunión do Consello Local de Turismo, que é o primeiro paso para a publicación da conta detallada, tal e como se vén facendo dende hai cinco anos, tentando botar luz sobre un evento tan fundamental para O Grove, malia que durante décadas non se coñecían as súas cifras.

 

Deste xeito, a Festa do Marisco de 2019 resultou ser a terceira mellor edición en facturación dende que existen rexistros do evento, cun total de 145.008 racións vendidas, que comportaron uns ingresos totais de 735.855 euros. Isto supón que a diferenza entre os ingresos e os gastos da Festa (que ascenderon a 971.817 euros) é de 235.962 euros, dos cales 226.088 se corresponden cos gastos de Cultura, é dicir, o festival musical e as actividades culturais que, como xa se ten indicado en ocasións anteriores, son a verdadeira achega municipal a este evento ao organizarse con carácter gratuíto e non aplicarse unha política de recuperación de investimento, como si se fai en toda a xestión da cociña e do comedor.

 

Todo isto leva a que o déficit da Festa ese ano tan só supón uns 10.000 euros, o que implica unha mellora cualitativa e cuantitativa importante con respecto a outras edicións onde esta cifra se situaba en seis díxitos. Dende o Concello do Grove faise unha valoración máis que positiva da edición de 2019, sobre todo tendo en conta que coincidiu unha celebración de menos días ao non contar coa tradicional “ponte” da festividade do Pilar. Precisamente ese día, o 12 de outubro, supuxo a ruptura dun récord histórico ao converterse no día en que máis racións se venderon desde o comezo das edicións da Festa.

 

Todos estes datos levaron ao Consello Local de Turismo a reflexionar sobre a importancia do investimento e a repercusión deste evento e tamén sobre como este ano, desgraciadamente, se poderá comprobar a súa importancia na dinamización económica da localidade e de Galicia. De calquera xeito, coincidiuse na necesidade de buscar proxectos impulsores do municipio que manteñan a seguridade que está a ter O Grove, pero que incidan na súa calidade e viabilidade como destino turístico de referencia tamén durante o outono.

 

As contas finais da Festa serán postas, de xeito detallado, á disposición do público a través da páxina web do Concello do Grove (apartado de transparencia).