O CONCELLO DO GROVE ACOLLE ESTA FIN DE SEMANA O III CAMPIONATO DE PESCA SUBMARINA
Fecha: 2020-10-06
Está prevista a participación de máis de trinta persoas.
Por terceiro ano consecutivo o Concello do Grove acolle o campionato de pesca submarina organizado polo Club Subacuático Pérez-Sub (un dos máis antigos e máis numerosos de Galicia). O campionato terá lugar o 10 de outubro ás 9.00 horas da mañá na praia de Con Negro, en San Vicente, coa previsión de que as persoas participantes permanezan cinco horas na auga. En total está prevista a participación de 30 persoas procedentes de diversas federacións autonómicas e moitas delas competidoras cun importante palmarés en pesca submarina, campións e campioas tanto a nivel nacional como autonómico.
A proba consta de varias categorías: absoluta, veteranos, feminina e sub 23, e outorgaráselles trofeo ás tres primeiras persoas de cada categoría, ademais dun premio absoluto á peza de maior tamaño conseguida no campionato. A pesada e a medición das capturas realizarase no mesmo lugar tras as cinco horas de competición e está prevista unha comida de confraternización das e dos deportistas participantes no Cámping O Curro.
As edicións anteriores deste campionato tiveron unha moi boa acollida e conseguiron máis de douscentos quilos de peixe que, ao igual que se fará nesta edición, foron destinados integramente á asociación Cáritas. Para a organización desta edición tívose moi en conta a situación sanitaria e por iso se conta cun protocolo específico fronte á Covid-19 aprobado pola Xunta de Galicia e pola Federación Galega de Actividades Subacuáticas.