Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE REÚNESE COAS ENTIDADES DEPORTIVAS CO FIN DE VALORAR OS ORZAMENTOS PARA AS SUBVENCIÓNS DESTINADAS A ESTE EIDO

Fecha: 2020-10-09

A reunión tenta buscarlle unha solución á extraordinaria situación que se produciu este ano e nela acordouse requirirlle ao secretario xeral do Deporte que inste as federacións deportivas para que se axusten á realidade actual da práctica deportiva.

 

O Concello do Grove mantivo o pasado mércores  unha reunión cos representantes das entidades deportivas para abordar a complexa situación das subvencións para o deporte do ano 2020. No momento actual, coas bases en vigor, a práctica totalidade dos clubs non cumprirían os requisitos para obteren as axudas, xa que estas están vinculadas ás competicións deportivas nas que estes participan. Ademais do anterior, pártese da base de que a normativa actual non permite facilitar axudas que non se xustifiquen con gastos reais e efectivos relativos ao fin para o que foron concedidas. Deste xeito, a ausencia de competicións e a redución da actividade supoñen un problema verdadeiramente grave de cara á xestión das subvencións deportivas.

 

O alcalde e o concelleiro de Deportes puxeron sobre a mesa a posibilidade de modificar excepcionalmente as bases da convocatoria e tamén, de xeito totalmente singular, reducir a contía das axudas para axustala a unha xustificación real da actividade, de tal modo que os 97.000 euros habituais destinados a este fin se reducisen a 55.000 euros. Moitos dos clubs presentes manifestaron a súa preocupación con respecto a este axuste por dúas cuestións básicas: a primeira é a existencia de gastos pendentes do último trimestre do ano 2019 e a segunda o feito de que as federacións deportivas seguen a esixir o pagamento das cotas federativas dos seguros nas mesmas contías que se estivesen disputando as competicións habituais.

 

Dende o Concello manifestouse a sorpresa por este feito, que resulta moi desacertado con situacións tan pouco razoables como que os clubs se arrisquen a descender de categoría se non realizan este aboamento. Deste xeito o alcalde e o concelleiro de Deporte manifestáronlles o seu total apoio aos clubs para reclamar que as federacións deportivas se axusten á realidade actual e non se demanden pagamentos por competicións que non se van poder levar a cabo. Deste xeito, dende o Concello do Grove remitiráselle unha carta ao secretario xeral de Deportes da Xunta de Galicia para mediar coas distintas federacións deportivas na solución deste grave problema.

 

O Concello, como vén sendo habitual, manterá un diálogo directo e permanente cos clubs para buscar a mellor solución a este problema e garantir que a importante actividade deportiva da nosa vila se siga mantendo nas mellores condicións posibles a pesar da pandemia. Deste xeito a reunión propiciou establecer que a partida de subvencións deportivas podía fixarse en 75.000 euros incidindo especialmente en que se trata dunha situación excepcional que deberá normalizarse nos vindeiros exercicios.