O CONCELLO DO GROVE APLICOU UN REFORZO DE DESINFECCIÓN DURANTE A PONTE DEBIDO AO INCREMENTO DE VISITANTES NA LOCALIDADE
Fecha: 2020-10-13
Dende o pasado venres detectouse un aumento de turistas na localidade, o que supuxo poñer en marcha un reforzo da desinfección habitual dos espazos públicos.
O Concello do Grove rexistrou un notable incremento das visitas turísticas durante a ponte do Pilar. O bo tempo propiciou os movementos, especialmente os internos dentro da propia comunidade autónoma, pero tamén os procedentes doutros puntos do país. Inda que a afluencia turística estaba prevista, esta superou as previsións iniciais, xa que se consideraba que as limitacións impostas noutras zonas do país reducirían estas visitas. En calquera caso, unha vez máis a dedicación do servizo de Emerxencias permitiu xestionar adecuadamente esta circunstancia e reforzouse a desinfección dos espazos públicos, facendo especial fincapé en varandas e pasamáns exteriores e nos parques infantís, nos que a pesar das limitacións segue detectándose unha gran presenza de usuarios. Precisamente para estes últimos espazos resulta fundamental o emprego do nebulizador, que tamén se usa nos colexios públicos, e que permite a distribución do peróxido de hidróxeno de xeito adecuado e con maiores garantías que outros sistemas, como a limpeza mediante panos ou contacto.
Un aspecto fundamental nestas semanas foi a limpeza dos accesos ao centro de saúde do Monte da Vila, onde se fai fincapé nos pasamáns e nas escaleiras de acceso, lembrándolles ás persoas usuarias que é importante evitar, na medida do posible, o contacto con este tipo de superficies. Dende o Concello do Grove agradécese o bo comportamento da veciñanza, que está amosando unha atención coidadosa e exemplar das medidas de seguridade, ao tempo que animan a mantelas e a non baixar a gardar para seguir evitando o incremento de casos.