O CONCELLO DO GROVE CONDENA AO PARTIDO POPULAR POR NON APOIAR A MOCIÓN DE DEFENSA DE THENAISIE PROVOTÉ
Fecha: 2020-10-19
O alcalde esixe unha reunión conxunta coa Xunta de Galicia, Comité de Empresa e Anfaco para buscar unha solución clara e viable.
O alcalde do Grove condena ao Partido Popular por non apoiar a pasada semana a moción presentada polo Grupo Socialista no Parlamento Galego na que se esixía unha solución para Thenaisie Provoté e se reclamaba o mantemento do emprego na fábrica de Rons. O debate xurdido, logo de que o Partido Popular anunciara o seu voto a favor, en torno ao feito de que a moción indicara que a oferta de compra debería manter “como mínimo o volume actual” fai acender todas as alarmas coas intencións reais da Xunta de Galicia neste proceso.
O Comité de Empresa trasladáralle ao alcalde do Grove que existía interese dunha empresa de fóra de Galicia, pero que esta non garantía o cen por cen do emprego de Thenaisie e que incluso é coñecido que esa empresa está traballando noutros puntos da provincia con menos do 50% do cadro de persoal orixinal, xa que se trata da produtora dunha marca que traballa segundo demanda. Queda claro que este plan non é o correcto para Thenaisie, polo que é necesario contar con empresarios galegos que si manteñan os postos de traballo.
Deste xeito, o feito de que o PP discutira no Parlamento a esixencia de manter a totalidade dos postos de traballo resulta, cando menos, sospeitosa e parece deixar entender que o plan previsto pasa por unha redución de emprego, algo que, en ningún caso, pode ser admitido. Xa que logo, dende o Concello do Grove considérase necesario e urxente que a Xunta de Galicia escoite ao Comité de Empresa e apoie tan só aquelas solucións que supoñan, como mínimo, o mantemento do emprego e das condicións de traballo actuais. Por todo iso, reclámase unha reunión na que estean presentes representantes do Goberno autonómico, do Comité de Empresa e tamén da Anfaco, como entidade sectorial de referencia.