AS OBRAS DE BEIRAMAR CONTINÚAN A BO RITMO E INCLUIRÁN UN REFORZO DO ASFALTADO
Fecha: 2020-10-20
As previsións iniciais son de poder rematar a obra antes de fin de ano.
O alcalde e a concelleira de Obras realizaron unha visita ás obras de desdobramento da avenida de Beiramar para comprobar a evolución destas. A primeira fase avanza a bo ritmo, inda que puido comprobarse que o firme da calzada non se atopa en bo estado, polo que se planificou un reforzamento do asfaltado para evitar problemas futuros. Lembramos que esta intervención non só implica a creación dun dobre carril na zona senón a mellora de toda a súa canalización, que se atopaba en condicións lamentables. As obras supuxeron tamén a tala dalgunhas árbores debido a necesidades do proxecto para manter os aparcadoiros da contorna.
Durante a visita estableceuse que se as obra continúan a este ritmo (e sempre dependendo dunha climatoloxía adecuada) o dobre carril podería estar dispoñible antes de que remate o ano. Tamén se considerou a necesidade de actuar sobre a zona da coñecida como “Fonte dos Cabalos”, xa que se trata dunha zona moi pouco aproveitada para desfrute peonil e como zona de tránsito. O Concello estudará posibles intervencións para acometer con futuros recursos.
O desdobramento da avenida de Beiramar supón un cambio fundamental na circulación de vehículos da localidade, xa que permitiría contar cunha semi-circunvalación, de tal xeito que se reduza o tránsito no centro urbano da localidade creando unha vila máis saudable en termos de ruído e contaminación, ao tempo que se consegue unha zona comercial concreta.