Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA INICIA AS SÚAS CLASES ADAPTÁNDOSE Á NOVA NORMALIDADE

Fecha: 2020-10-26

 

A matrícula segue aberta para os distintos instrumentos dos que se imparte formación na Escola.

 

A Escola Municipal de Música “Pepe Silva” do Grove comeza esta semana o novo curso logo dun proceso de adaptación ás denominadas “Normas Covid”. Deste xeito, ademais de marcar os correspondentes accesos diferenciados, os horarios foron modificados buscando que o estudantado teña o menor contacto posible. As clases de instrumento seguen sendo individuais, como xa eran, o que garante unha maior seguridade. No relativo ás clases de teoría musical e linguaxe musical, organizáronse grupos reducidos, coa correspondente separación nas aulas, que tamén serán sometidas aos mesmos procesos de desinfección que se están realizando nos colexios.

 

Nestes momentos son 40 nenas e nenos os que iniciaron o curso en teoría e linguaxe musical, mentres que, no relativo aos instrumentos, xa comezaron con guitarra, violín, chelo, piano, percusión e trompa. As outras especialidades aínda non se iniciaron, xa que non se produciu demanda. Lembramos que o prazo de matrícula se mantén aberto, polo que inda é posible formar parte deste curso. Tan só é necesario inscribirse no rexistro do Concello (no edificio administrativo) en horario de 9.00 a 14.00 horas ou a través da Sede Electrónica (é preciso dispoñer de sinatura electrónica). O impreso para a inscrición está dispoñible na páxina web do Concello e conta co número de teléfono de información da Escola para calquera dúbida que xurda ao respecto.

 

A Escola de Música do Grove tense consolidado como un referente na formación musical e conta cada vez con máis demanda. Malia que o pasado curso as clases presenciais tiveron que parar por mor do confinamento, este ano vólvese á presencialidade con todas as medidas de seguridade precisas.