OS VOCEIROS MUNICIPAIS REÚNENSE HOXE PARA FALAR SOBRE A SITUACIÓN DO CENTRO DE SAÚDE
Fecha: 2020-10-26
A reunión, que xa estaba organizada dende a pasada semana, deberá analizar os novos datos achegados que indican que a situación do centro de saúde do Grove inda pode empeorar.
Os voceiros dos grupos políticos municipais están convocados hoxe a unha reunión no Concello para abordar a grave situación do centro de saúde. Trátase dunha reunión convocada a pasada semana e na que, entre outras cousas, se valorará a posta en marcha de distintas accións de protesta e reclamación sobre o precario da situación, a pesar de que xa se teña realizado algunha manifestación específica convocada por grupos políticos de xeito individual.
Nesta reunión deberán valorarse novos datos, como a previsión das xubilacións dos pediatras do centro ou a confirmación de baixas de longa duración de dous médicos de atención primaria, o que implica que a situación non só non se está solucionando, como indicaba a Xunta de Galicia ao final do verán, senón que empeora por momentos. Ademais disto, o alcalde informará da solicitude dunha reunión urxente co conselleiro de Sanidade, tendo en conta que as promesas realizadas hai un ano non se están cumprindo e é perentoria unha solución urxente aos graves problemas que está sufrindo o centro de saúde. Sanidade non move ningunha ficha a pesar da presión e das reunións mantidas.
Na reunión estarán presentes o concelleiro de Sanidade, médico do servizo de urxencias do centro de saúde, e o alcalde do Grove, que incidirán en que se deberá manter a presión sobre a construción do novo centro, pero tamén en que o fundamental e urxente é a dotación de persoal que proporcione un servizo digno e de calidade, como corresponde e é dereito de toda a veciñanza.