COVID-19: DEFINICIÓN E PROTOCOLO PARA SEGUIR CANDO SE É UN CONTACTO ESTREITO
Fecha: 2020-11-04
Contacto estreito: calquera persoa que estivese no mesmo lugar que un caso confirmado como positivo a unha distancia menor de 2 metros e durante máis de 15 minutos sen as medidas de protección adecuadas.
Nos centros educativos considérase posible contacto estreito: A) En educación infantil, a todos os compañeiros da mesma aula, xa que ata os 6 anos non e obrigatorio o uso de máscaras. B) En educación primaria, secundaria, bacharelato e ciclos de FP serán contactos estreitos os alumnos sentados perimetralmente (arredor) do alumno que foi confirmado como positivo, ou os alumnos que estean habitualmente no patio con quen foi positivo. Igualmente serán posibles contactos estreitos dun alumno que foi positivo confirmado os alumnos que se senten a menos de 2 metros del no comedor escolar, se fose usuario, ou que se senten a menos de 2 metros del no transporte escolar se son períodos superiores a 15 minutos.
Se o caso confirmado ten síntomas: toda persoa que tivese contacto a menos de 2 metros durante máis de 15 minutos sen usar medidas de protección (máscaras) desde dous días antes da aparición dos síntomas será contacto estreito seu.
Se o caso confirmado non ten síntomas: toda persoa que tivese contacto a menos de 2 metros durante mais de 15 minutos sen usar medidas de protección (máscaras) desde dous días antes de lle ser feita a PCR da que resultou positivo será contacto estreito seu.
A todo positivo confirmado pídeselle unha lista dos seus contactos estreitos con nome, apelidos, última data na que tiveron contacto e un teléfono onde poder chamalo para o seu seguimento. Esta lista debería de comezar a facerse desde que falamos cos servizos sanitarios e se nos di que somos un caso de sospeita á espera de facer a PCR para confirmación.
Que facer se somos un contacto estreito: manter un confinamento de como mínimo 10 días e durante este tempo, protección dos nosos conviventes. Illamento nun cuarto onde durmamos e permanezamos sós todo o tempo posible. Uso de máscara cando saímos do cuarto ou cando un convivente entra no noso cuarto, tanto pola nosa parte como pola das persoas coas que convivimos. Comer sós e ventilar o espazo onde comemos. Ventilar o cuarto en que estamos. Se non dispomos de baño propio, hixienizar as pezas do cuarto de baño que usemos despois do seu uso. Ter no noso cuarto unha papeleira ou caldeiro cunha bolsa para os refugallos que produzamos e que deberán ser entregados ao Servizo de Emerxencias Municipal, caso de dar positivo nas probas de PCR. Se fósemos negativos irán ao lixo común. Cando o contacto estreito é moi pequeno e non usa correctamente a máscara en presenza dos demais ou debemos de axudalo para as súas actividades habituais como comer ou bañarse, as persoas en contacto con el ou ela no domicilio deberían usar máscaras FFP2, xa que usando unha cirúrxica ou hixiénica non estarían protexidos.
Se sendo contacto estreito temos síntomas compatibles coa Covid-19: debemos de avisalo aos servizos sanitarios o máis axiña posible e será o médico do noso centro de saúde quen xestione a petición da PCR e faga conxuntamente co CSC o seguimento.
Se sendo contacto estreito non temos síntomas compatibles coa Covid-19: será o CSC quen xestione a petición da PCR e faga o seguimento.
Se nós sabemos que cumprimos os criterios para ser considerados contacto estreito dun positivo, pero dentro das primeiras 48 horas de ser confirmado ese positivo non somos contactados polo CSC, debemos ser nós quen chamemos ao CSC e poñamos no seu coñecemento a nosa condición para comezar o protocolo de control e seguimento.
Deben de facérselles PCR aos contactos estreitos? Por protocolo, debería de ser feita unha primeira PCR cando comezamos o confinamento e unha segunda PCR no día 10 de confinamento (antes de deixar de estar illados).
Se a primeira PCR é negativa, podemos saír do illamento? NON. Debemos manter o confinamento no noso domicilio e o illamento dos nosos conviventes igualmente durante os 10 días, xa que a PCR pode ser inicialmente negativa e positivizarse dentro dos primeiros 10 días do contacto.
Teléfono do Servizo de Emerxencias Municipal: 986 732 255
Teléfono do CSC: 900 400 116
Teléfono do Centro de Saúde: 986 731 049