Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE DEMANDA MÁIS RASTREXADORES PARA REALIZAR UN SEGUIMENTO ADECUADO DA EXPANSIÓN DO VIRUS

Fecha: 2020-11-10

 

O problema está sendo especialmente grave nos centros educativos, onde os contactos directos de positivos non están recibindo información.

 

O Concello do Grove quere denunciar a deficiente ou nula actuación dos sistemas de rastrexo e control da Xunta de Galicia durante esta segunda vaga da pandemia. Debe incidirse en que a máxima responsabilidade sanitaria no momento actual recae no Goberno autonómico e, a día de hoxe, non existe constancia de que se realice ningún tipo de control ou seguimento da evolución do virus na nosa localidade, o que agrava, se cabe, inda máis o problema. A ausencia de comunicación, de rastrexo e de información aos alumnos e alumnas e incluso ao profesorado dos centros educativos que teñen sido contactos estreitos dalgún positivo supón poñer en grave risco a moitos veciños e veciñas.

 

No momento actual a dinámica establecida é que os centros educativos comunican calquera incidencia á Xefatura Territorial de Sanidade de xeito inmediato. Non obstante, os rastrexadores tardan entre cinco e sete días en comunicarse cos contactos estreitos dos positivos (que se manteñen en confinamento durante ese período) e, nalgúns casos —como informaron os propios pais— segue sen producirse esa comunicación. Estas demoras resultan inxustificadas, sobre todo se temos en conta que dende a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia se indicou que os rastrexadores eran “suficientes”, malia que segue sen concretarse o número existente.

 

Dun xeito máis concreto, o Concello do Grove amosa a súa preocupación pola xestión dos casos nos centros educativos. Sanidade indicoulle ás direccións dos centros, cando lles comunicou os positivos, que os contactos estreitos deberían permanecer en confinamento (e, por tanto, non asistir ás clases) durante 14 días. Este feito contradí o protocolo, xa que o confinamento só debería producirse, de xeito excepcional, se o estudante non fose sometido a unha PCR. O protocolo indica que debe realizarse unha PCR nos primeiros días e outra no décimo día e, se estas son negativas, o alumno ou alumna xa podería reincorporarse e non ter que agardar os 14 días. Este feito esperta as alarmas, xa que todo apunta a que se marcou un incumprimento claro dos protocolos.

 

A situación máis grave prodúcese polas contradicións detectadas na propia xestión das incidencias. Así, tres dos once alumnos e alumnas confinados o 29 de outubro debido a un contacto estreito cun positivo detectado o 26 de outubro realizaron a súa primeira PCR o 5 de novembro (10 días despois do contacto estreito). Estes tres alumnos recibiron chamadas de tres persoas diferentes respectivamente: ao primeiro indícaselle que a proba foi negativa e que, polo tanto, o seu illamento xa acabaría; a outro indicáselle que o seu illamento rematara, a pesar de non contar cos resultados da proba, e ao terceiro tamén se lle indica que a proba fora negativa, pero que debía manterse en illamento mentres non se lle fixese unha segunda PCR. Os outros oito alumnos e alumnas confinados non recibiron ningún tipo de mensaxe para informalos sobre os resultados da proba.

 

Todo isto supón un verdadeiro risco e engade incerteza á xa complexa situación dos centros educativos, ademais de aos pais e ás nais. Dende o Concello do Grove reclámase que a Consellería de Sanidade asuma a súa responsabilidade e que sigan os protocolos e normas que os seus propios servizos de epidemioloxía e prevención lles marcan, rematando con esta situación de descontrol e evitando realmente a propagación do virus, algo que, como queda demostrado, só se consegue cun rastrexo eficaz.