Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DO GROVE ESIXE A INCORPORACIÓN DO GROVE Á ÁREA METROPOLITANA DE PONTEVEDRA PARA CONTAR COAS MESMAS VANTAXES EN TRANSPORTE QUE OS CONCELLOS DOS ARREDORES

Fecha: 2020-11-13

 

A mocidade do Grove non ten acceso á gratuidade do transporte que si se aplica noutros lugares.

 

O Concello solicitou por escrito, hai xa tres semanas, a incorporación do Grove á Área Metropolitana de Pontevedra, onde xa están incorporados os municipios de Poio e Sanxenxo e que, precisamente, remata no istmo da Lanzada. Os mozos e mozas menores de 21 anos desa área metropolitana dispoñen de transporte gratuíto e, de feito, a xente nova do Grove ten que pagar polos seus desprazamentos a Pontevedra, cando a só uns quilómetros, na parroquia de Noalla, xa non se pagaría.

 

Este feito resulta incompresible cando a liña de transporte é, precisamente, O Grove–Pontevedra, o que fai pensar que esta decisión non se basea en criterios técnicos ou xeográficos, senón basicamente políticos. De feito, a conselleira responsable desta área declarou en medios de comunicación que deixar fóra ao Grove tan só respondía a que O Grove “non o solicitara”. Porén, nas diferentes reunións mantidas co xefe de Transportes en Pontevedra e coa empresa que a Xunta de Galicia contratara para a elaboración do Plan de transporte se expuxo, de forma clara e precisa, que O Grove debería formar parte da Área Metropolitana de Pontevedra, ao tempo que se debería crear unha Área Metropolitana de Vilagarcía. Todo isto incidindo en que o Salnés é, sen dúbida, unha das zonas con máis carencia de transporte de Galicia. Nada máis se soubo desas solicitudes.

 

Ante isto, volveuse a solicitar por escrito hai xa tres semanas. Non obstante, a rapazada que se despraza por estudos a outras zonas segue a gastar unha media de 120 euros ao mes en transporte e nada se sabe do solicitado á Xunta de Galicia. Isto implica que sexa necesario reclamar de forma urxente e inmediata a incorporación do Grove á Área Metropolitana de Pontevedra e que, adicionalmente se cree a Área Metropolitana de Vilagarcía (recollendo a zona de Salnés) para garantir os enlaces adecuados cos trens.

 

Trátase de que a mocidade do Grove teña as mesmas vantaxes que a doutras zonas de Galicia. De feito isto aplícase, curiosamente, na totalidade provincia de Ourense, polo que non se pode manter esta discriminación. Para o Concello do Grove resulta preocupante que este tipo de problemas se presenten precisamente na consellería que dirixe Ethel Vázquez, a mesma que non busca solucións para o desdobramento da vía rápida ata A Lanzada, que non asume o cambio da tubaxe de augas do Grove ou que provocou o problema actual coa xestión da EDAR. Agora parece sumar outra causa máis contra O Grove. O Concello do Grove denuncia esta discriminación e esixe que se busque unha solución para que os mozos e as mozas do Grove teñan os mesmos dereitos que os doutras localidades.