A XUNTA DE GALICIA INFORMA SOBRE O ALTO RISCO DA INFLUENZA AVIARIA NO GROVE
Fecha: 2020-11-17
A Consellería do Medio Rural trasladou unha serie de medidas que se deben adoptar en municipios de especial risco como o do Grove ante o aumento de casos desta enfermidade en aves silvestres e de curral.
O Concello do Grove informa de que, ante o aumento significativo de Influenza Aviaria de Alta Patoxeneidade en aves silvestres e de curral detectado en Europa, é preciso que as zonas de especial risco adopten medidas preventivas para evitar a extensión desta enfermidade. Lembramos que se trata dun tipo de virus que só causa enfermidade nas aves e, polo tanto, non é perigoso para a saúde das persoas.
O pasado 11 de novembro o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación elevou o nivel de risco a alto nas zonas de especial risco (ZER) e de especial vixilancia (ZEV), o que implica a aplicación das medidas de protección recollidas na normativa existente que contempla, entre outras cousas, a prohibición da presenza de aves de curral en centros de concentración de animais (certames gandeiros, mostras, exhibicións...); a prohibición da cría de aves de curral ao aire libre; a prohibición de cría de parrulos e gansos xunto con outras especies de aves de curral e darlles auga ás aves de curral que procedan de depósitos de auga onde puidesen ter accedido aves silvestres.
Ademais do anterior, a Consellería pon á disposición do municipio os servizos veterinarios oficias a través da Oficinas Agrarias Comarcais para contar con máis información sobre esta situación de risco. Dende o Concello do Grove ínstase á veciñanza a atender as recomendacións e prohibicións e ser consciente do risco que esta patoloxía podería supor para a riqueza avícola da nosa zona.