O ALCALDE TRASLÁDALLE AS DEMANDAS DO GROVE Á NOVA DELEGADA TERRITORIAL DA XUNTA DE GALICIA
Fecha: 2020-12-11
Luisa Piñeiro completou a súa rolda de visitas intitucionais mantendo unha reunión co alcalde do Grove.
O alcalde do Grove reuniuse o mércores coa nova delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, quen completaba unha rolda de visitas institucionais que a levaron polos municipios de toda a provincia. No encontro trasladáronse, de xeito oral e escrito, as demandas do Grove cara á Administración autonómica, moitas das cales levan sobre a mesa incluso anos e se teñen convertido en demandas históricas e urxentes. Dun xeito concreto, as demandas especificadas concéntranse en infraestruturas e mobilidade, no relativo ás competencias de Portos de Galicia e, por suposto, en Sanidade e Educación como puntos fundamentais no momento actual.
En canto a infraestruturas, pártese, como non podía ser doutro xeito, da necesaria substitución da tubaxe de abastecemento de auga ao Grove, que precisa unha actuación inmediata, xa que desta conexión depende a subministración de auga potable da localidade. Precisamente no espazo do Vao hai máis actuacións de importancia, como o desdobramento da Autovía do Salnés cara ao Grove. Ademais disto, a mobilidade tamén queda condicionada pola necesidade de incorporación do Grove á área metropolitana de Pontevedra, de xeito que se lles garanta o transporte gratuíto aos menores de 21 anos, sendo tamén importante a creación dunha área metropolitana do Salnés que permita ter unha mellor conexión con Vilagarcía e, polo tanto, coa estación de tren.
No relativo a infraestruturas a lista non remata aí, xa que a competencia da Xunta de Galicia en estradas da localidade segue patente na PO-317 (entre A Lanzada en San Vicente), onde é preciso mellorar as beirarrúas, a iluminación e a creación do carril-bici; en Luís Antonio Mestre, onde se require un convenio de reforma da rúa, ou en Tenente Domínguez e Xoán XXIII, onde queda pendente a instalación de lombos para minorar a velocidade.
Tamén se volveron a poñer sobre a mesa as históricas demandas a Portos de Galicia, sendo prioritaria a ampliación do Porto de Meloxo, unha necesidade clara para o sector bateeiro do Grove. Demandouse un plan especial para o porto de Meloxo e unha actuación integral no porto do Corgo, coa construción dunha nova dársena para o porto mariñeiro e a transformación da actual no porto deportivo. Fíxose memoria tamén da solicitude de desafección da zona urbana do Corgo adscrita a Portos e, por suposto, da urxente reforma integral da explanada do Corgo, que se atopa nunha situación precaria. De feito, o mantemento da zona portuaria (vías, iluminación, limpeza...) tamén se considerou importante.
En canto á situación da sanidade, a dotación de persoal médico de atención primaria resulta crucial, ao tempo que se incidiu en destinar recursos para, cando menos, comezar co proxecto técnico para a construción no novo centro de saúde do Grove.
No eido da cultura e do patrimonio, e incidindo nas competencias autonómicas segundo todo o demandado ata agora, insistiuse na necesidade de recoñecemento dunha área de protección histórica entre O Carreiro e Area Grande, sendo importante incidir no acondicionamento do xacemento de Adro Vello.
Dende o Concello do Grove agárdase que a nova delegada recolla toda a información e as prioridades de xeito claro, para conseguir unha interlocución máis efectiva que a acadada ata o de agora, e incidindo en que só se demandan cuestións de competencia autonómica que unicamente poden ser solucionadas mediante a intervención da Xunta de Galicia.