O CONCELLO DO GROVE PON EN MARCHA O CONCURSO DE FOTOGRAFÍA ‘IMAXES EN RUTA’
Fecha: 2020-12-15
Trátase dunha iniciativa conxunta das concellerías de Deportes e Xuventude.
O Concello do Grove abriu este luns o prazo de presentación para participar nun concurso de fotografía pensado para desenvolverse durante estas vacacións de Nadal. O concurso busca fomentar a actividade física ao tempo que ofrece unha actividade de lecer para a xuventude dentro do complexo momento social que estamos a vivir. O concurso está destinado a familias nas que polo menos un dos seus membros sexa menor de 18 anos.
A actividade consiste en que o Concello do Grove ofrece a realización de tres roteiros. Cada grupo que queira participar no concurso deberá realizar un mínimo de dúas desas rutas; de cada unha delas, o equipo participante deberá presentar dúas ou tres imaxes que amosen a beleza do lugar e que sirvan de proba de que todo o equipo fixo a ruta completa. Estas imaxes deberán ser enviadas ao mail tecnicadeportes@concellodogrove.es entre o 7 e o 10 de xaneiro. A Oficina de Información Xuvenil (OMIX) e o servizo de Deportes comprobará o cumprimento dos requisitos de participación e publicará as imaxes no Facebook do Concello do Grove. O público poderá votar as imaxes neste soporte entre o 11 e o 18 de xaneiro de 2021 dándolle “Gústame” á imaxe. A fotografía con máis “Gústame” será a premiada.
As rutas propostas son: Ruta 1. Paseo de madeira de San Vicente: saída do porto deportivo de Pedras Negras ata o remate da pasarela de madeira (ida e volta); Ruta 2. Lavagueira-Moreiras: desde a praia da Lavagueira ata detrás do Acuario (ida e volta); Ruta 3. O Corgo-Illa da Toxa: saída da praza do Corgo, volta á Illa da Toxa e regreso á praza do Corgo. Como non podía ser doutro xeito, é obrigatorio o uso da máscara durante a realización do roteiro, inda que se realice co grupo de convivencia familiar, manterase a distancia de seguridade e utilizarase o xel hidroalcólico no caso de contacto ou manexo de calquera obxecto alleo á familia participante.
En canto aos premios, todas as familias participantes recibirán un agasallo por participar, mentres que a imaxe gañadora contará con 200 euros. No caso de empate entre dúas, o premio repartirase en partes iguais e se houber máis coincidencias de puntuacións a votación estenderíase no tempo. A bases completas do concurso poderanse consultar na páxina web e no Facebook do Concello.