O CONCELLO DO GROVE ORGANIZA UNHA PROGRAMACIÓN CULTURAL INFANTIL SEGURA PARA AS VACACIÓNS DE SEMANA SANTA
Fecha: 2021-03-22
O programa contará cun contacontos ilustrado, e tres espectáculos de maxia infantil a través de Zoom
O Concello do Grove ofrecerá durante esta Semana Santa unha programación cultural infantil para a rapazada que contará con propostas culturais seguras co fin de entreter os máis pequenos durante estas vacacións.
Contacontos ilustrado
O venres 26 de marzo, a partir das 18.00 h, desenvolverase na zona exterior da biblioteca municipal o contacontos ilustrado “A cabalo dunha pomba”, a cargo de Polo Correo do Vento. Este espectáculo está dirixido a público familiar e todos os asistentes levarán en agasallo a pequena biografía ilustrada de Manuel Lueiro Rey. As prazas son limitadas, polo que é necesaria inscrición previa na biblioteca, no tfno. 986 732 341, no email biblioteca@concellodogrove.es ou por privado ao Facebook.
A Hora Máxica, show de maxia infantil
Os días 29, 30 e 31 de marzo, a partir das 11.30 h, ofreceranse tres shows de maxia infantil “A Hora Máxica”, un espectáculo de maxia online de aproximadamente 60 minutos a través da plataforma Zoom, na que participan os magos máis divertidos da xeografía española, que farán as delicias dos nenos e nenas cos seus xogos de maxia. Deste xeito as e os asistentes poderán desfrutar e participar dun show en vivo e en directo sen saír das súas casas cumprindo uns requisitos que caracterizan este espectáculo: divertido, participativo, máxico, ilusionante e, sobre todo, seguro. Para a conexión virtual só é necesario un dispositivo electrónico como un teléfono, unha tableta, un ordenador etc. que se usa tanto de webcam como de televisión. Todos os que queiran participar nestes espectáculos deberán poñerse en contacto coa biblioteca municipal do Grove (no tfno. 986 732 341, no email biblioteca@concellodogrove.es ou por privado ao Facebook) onde lles será facilitado o formulario de inscrición para participar na actividades.