Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A CAMPAÑA DE BONOS MERCANOGROVE CONSIDÉRASE UN ÉXITO

Fecha: 2021-05-31

Xa se esgotaron máis da metade destes paquetes de desconto para mercar no comercio local

 

O Concello do Grove puxo á disposición da súa veciñanza 2.000 paquetes de bonos por valor de 30 € cada un, cun prezo de 20 € para os consumidores, polo que foron un total de 20.000 € os ofrecidos por esta administración, coa posibilidade de investir directamente no comercio uns 60.000 € no segundo trimestre do ano, que se vén considerando o menos substancial en canto a facturación. A falta de 20 días para o final da campaña, xa se esgotaron máis da metade, polo que arredor de 30.000 € xa recaeron directamente en 63 comercios da vila meca.

 

Cabe destacar que esta primeira edición da campaña non estaba indicada para a hostalería, xa que o seu comenzo coincidiu co peche integral dos establecementos hostaleiros no municipio. Porén, a posta en marcha da campaña de bonos, ademais de resultar unha aposta moi ambiciosa para apoiar o comercio e o sector servizos, segundo o feedback recibido dos comerciantes sobre esta iniciativa, tamén se está a valorar dunha maneira moi positiva, pois parece que na gran maioría dos casos se incrementaron os números de facturación en comparación con outros anos nestas mesmas datas.

 

Dentro das acción levadas a cabo no marco da campaña Mercanogrove, un dos obxectivos era o de buscar o compromiso dos consumidores á hora de faceren ás súas compras, de mentalizar a veciñanza na procura de patróns de consumo máis próximos e sostibles, polo que a proposta dos bonos Mercanogrove puido contribuír a isto, xa que durante este tempo a clientela puido atopar unha maior competitividade nos prezos das súas adquisicións, cuns descontos que supoñen o 30% dos gastos.

 

Cómpre lembrar tamén que aínda se poden adquirir os bonos na web www.mercanogrove.com, e que estes se poden usar ata o vindeiro 20 de xuño, que será o último día da campaña.

 

O Concello do Grove non descarta facer máis edicións destas campañas de bonos que inclúan tamén a hostalería, xa que se considera que este tipo de campañas incentivan dunha maneira moi directa o consumo local.