Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O CONCELLO DECLARA UN DÍA DE LOITO OFICIAL POLA MORTE DE XOAQUÍN ÁLVAREZ CORBACHO, PRIMEIRO ALCALDE DO GROVE DA DEMOCRACIA

Fecha: 2021-06-23

O Concello do Grove lamenta profundamente o falecemento a pasada madrugada de Xoaquín Álvarez Corbacho, quen fora o primeiro alcalde do municipio da democracia, logo de presentarse ás eleccións polo Partido Comunista, sendo daquela un dos poucos alcaldes comunistas de Galicia e practicamente de toda España.

 

Estivo á fronte da Alcaldía meca durante dous anos, de 1979 a 1981, que deixou para exercer labores docentes na Universidade de Santiago de Compostela, da que foi catedrático de Facenda Pública e vicerreitor de Asuntos Económicos entre 1985 e 1990. Tamén foi catedrático de Economía Aplicada da Universidade da Coruña. Recoñecido experto en municipalismo, publicou numerosos ensaios e estudos económicos, nomeadamente sobre facendas territoriais, fiscalidade e políticas públicas.

 

Malia estar só dous anos de alcalde, cómpre sinalar que estes foron intensos, non só polo reto que supuxo botar a andar unha administración municipal xa en democracia, con todas as dificultades que había naquela época, senón tamén porque foi el quen impulsou e xestionou a negociación para que O Grove tivese a súa compensación e o seu reparto no Plan especial da Illa da Toxa, grazas ao cal a partir do ano 1981 o Monte Central e outra parcela máis da Toxa pasaron a ser de titularidade municipal.

 

Así pois, neste día triste o Concello do Grove quere agradecer e recoñecer a traxectoria e o labor de Xoaquín Álvarez Corbacho como político, como investigador, como profesor universitario e como veciño que destacou en todas as actividades que desenvolveu ao longo da súa vida. Por tal motivo, o goberno local e os grupos da oposición acordan declarar un día de loito oficial e que as bandeiras da Casa do Concello ondeen a media hasta, ao tempo que lle trasladan á súa familia o seu máis sentido pésame.