O CONCELLO DO GROVE ORGANIZOU UN INTENSO PROGRAMA CULTURAL DE VERÁN
Fecha: 2021-06-25
Ofrecerase unha gran diversidade de espectáculos para todas as idades
Estableceranse medidas para garantir a seguridade e protexer ao publico, artistas e persoal
O Concello do Grove organizou un intenso programa cultural para os meses de verán cunha gran diversidade de espectáculos co fin de buscar o desfrute e participación do público de todas as idades.
Así mesmo, estableceranse medidas necesarias para garantir, tanto a seguridade do público asistente como dos artistas e persoal do Concello, entre as que podemos destacar a separación de cadeiras e a desinfección do espazo e do mobiliario antes do inicio de cada espectáculo.
Xoves musicais
Os xoves musicais terán lugar na praza do Corgo coa participación de grupos de moi diferentes estilos e para diversos públicos. O ciclo comezará o xoves 1 co a actuación dos Amigos do Acordeón das Rías Baixas. Tamén intervirán Acuarela, A Banda do Sequío, Velaivan´d (agrupación grovense de formación nova), Carolina Rubirosa acompañada de Rafa Otero, Os Firrás e Fla-Meco.
Dentro deste programa tamén se ofrecerán concertos para a mocidade: o xoves 29 de xullo o concerto de Gancho Sanches (A Banda de Matías) e o xoves 19 de agosto actuación de Dani Cornes e Legítimo Polvo.
Concertos de verán
Ademais dos xoves musicais, tamén haberá diversos concertos de diferentes estilos musicais, tanto na praza do Corgo como na Salgadeira de Punta Moreiras.
O venres 16 de xullo, para celebrar o Día do Carme, contarase coa actuación do Dúo Prisma.
O sábado 24 de xullo, na praza do Corgo, a agrupación musical de Os Firrás, coa colaboración do Concello do Grove, ofrecerá unha nova edición de Noite de Serenatas, na que participarán, ademais da propia agrupación, a Banda do Sequío.
O venres 30 de xullo será a quenda de Cinco en Zocas, unha actuación cun marcado carácter tradicional e etnográfico no espectacular enclave da Salgadeira Vella de Punta Moreiras.
O venres 6 de agosto, na praza do Corgo, e financiado polo programa Cultura no Camiño, terá lugar o concerto de Galifunk Brass, agrupación de músicos profesionais con música inspirada nas brass band americanas e que percorre diferentes estilos como o funky, a música disco ou o rhytm and blues.
O venres 13 de agosto, de novo na Salgadeira de Punta Moreiras, actuación de Antonio Seijo e Skyligth cun espectáculo de tributo ao pop.
Actividades infantís
Para o público infantil organizouse o programa Biblioactividades que se desenvolverá todos os martes ás 11.30 h nas bibliotecas da vila, alternando a Biblioteca Municipal do Grove e a Axencia de Lectura de San Vicente. Ofreceranse sesións de contacontos e interesantes obradoiros, estando a capacidade limitada en todas as actividades, polo que se requirirá inscrición previa polos medios habituais (teléfono, correo electrónico ou redes sociais).
Este programa arrancará o martes 6 de xullo na Biblioteca Municipal do Grove cun fantástico contacontos a cargo da agrupación meca Xarope Tulú. O martes 13 desenvolverase na Axencia de Lectura de San Vicente un Obradoiro de marionetas de papel a cargo de marionetas Seisdedos.
Este programa infantil completarase con outras interesantísimas propostas ao longo de todo o verán.
Cinema de verán
O cinema de verán desenvolverase na rúa Castelao todos os mércores, que se converterá nun gran cine ao aire libre no que se proxectarán películas recentes de diferentes xéneros e para diferente tipo de público. Este ciclo comezará o mércores 7 coa película La isla de las mentiras.
O mércores 14 de xullo ofrecerase unha sesión especial coa preestrea da película Cuñados, un filme da produtora galega Portocabo e do director ourensán Toño López. Esta proxección realizarase no pavillón novo dos deportes do Monte da Vila e con aforamento limitado. Para asistir será necesario recoller invitación na biblioteca municipal do Grove.
Tamén se ofrecerán dúas proxeccións en formato XXL para todos os públicos no Campo da Festa de San Vicente. O venres 23 de xullo, o filme La rebelión de los cuentos e o venres 20 de agosto, Operación Ártic.
Exposición Emilia Pardo Bazán
Desde o 15 ata o 30 de xullo poderá visitarse na rúa Castelao a exposición Emilia Pardo Bazán en el País de las Rías organizada por Faro de Vigo e financiada pola Deputación de Pontevedra.
Día da Patria Galega
O 25 de xullo, Día de Galicia, celebrarase un acto institucional que comezará ás 21.00 h, ao que lle seguirá o concerto Budiño Fulgor, grazas ao patrocinio do programa Musigal da Deputación de Pontevedra.
Fulgor é o último traballo de Xosé Manuel Budiño con letras de Antía Otero, Xoel López, Vega e o propio Budiño, que as dota dun novo universo, e rodeado de grandes intérpretes do panorama musical.
Poesía con notas
O sábado 31 de xullo, na praza do Corgo, terá lugar o recital poético Poesía con notas, organizado polo Grupo de Poesía Libre pertencente á A. C. Enxebre, coa colaboración do Concello do Grove.
Gala Nacional de Maxia
O sábado 21 de agosto, na praza do Corgo, co financiamento do programa Cultura no Camiño, ofrecerase a Gala Nacional de Maxia. Espectáculo para todos os públicos presentado polo Mago Paco e coa intervención dos mellores magos procedentes de diferentes puntos da xeografía española: Mago Javi Rufo, Mago José María Alcázar e Mago Daniel Polo.