🏨 VISITA DO ALCALDE E DO VICEPRESIDENTE DA XUNTA AO HOTEL LA NOYESA PARA COMPROBAR AS OBRAS DE REFORMA SUBVENCIONADAS
Fecha: 2022-02-07
Esta mañá o alcalde do Grove e o vicepresidente da Xunta de Galicia visitaron o hotel La Noyesa para constatar as obras de reforma realizadas a través das subvencións que o ente autonómico puxo á disposición do sector turístico privado, ás que se acolleu este hotel así como outros establecementos da nosa vila. O hotel La Noyesa é un dos máis antigos da vila e un referente do sector turístico do Grove desde hai moitos anos. Ademais, é só un exemplo da grande importancia que ten o sector turístico no noso municipio, tanto no tocante á oferta de aloxamentos dispoñibles, máis de 3000, como no que respecta aos 200 e pico establecementos hostaleiros como bares, cafeterías, taperías ou restaurantes, que fan do sector privado do Grove un referente turístico en Galicia. Durante a visita, os propietarios do hotel La Noyesa destacaron o importante e positiva que é a colaboración público-privada destas liñas de financiamento, xa que grazas a elas os hostaleiros poden adaptar os seus locais ás novas demandas do sector turístico e da clientela. Pola súa banda, o alcalde, ademais de salientar igualmente esta colaboración público-privada, expuxo tamén a necesidade dunha maior cooperación entre as dúas entidades públicas, Xunta e Concello, para poderen financiar conxuntamente actuacións que axuden a sacar adiante as infraestruturas turísticas necesarias para o sector privado da nosa localidade. Neste sentido, o alcalde solicitoulle ao vicepresidente manter proximamente unha reunión tanto para trasladarlle unha serie de propostas para mellorar infraestruturas e para o apoio a eventos tan importantes para este sector como a Festa do Marisco, nomeadamente neste ano Xacobeo, como para solicitar que o Concello poida acceder a algún tipo de axuda e colaboración financeira da Consellería de Turismo co que poder acompañar ao sector privado turístico do municipio para poñer ao Grove na vangarda do turismo de Galicia, con instalacións e servizos modernos, coa implantación de tecnoloxía, coa mellora do acceso ás praias ou co arranxo das estradas locais de titularidade autonómica.