MANUEL CARBALLEIRA RIVAS GAÑA A XIII EDICIÓN DO CONCURSO DE PINTURA ERNESTO GODAY COA OBRA “EN MAREA BAIXA”
Fecha: 2025-12-11
O Grove, 11/12/2025.- Manuel Carballeira Rivas, residente en Valdoviño (A Coruña),ven de gañar a XIII Edición do Concurso de Pintura Ernesto Goday.
O Concello do Grove convocou a décimo terceira edición do concurso en memoria do insigne pintor local Ernesto Goday, dotado con 3.000,00€. Asemade, grazas a un convenio colaboración do Concello do Grove coa Asociación Española de Pintores e Escultores, entidade da que foi membro Ernesto Goday, o gañador tamén recibirá o Premio da Asociación consistente en medalla e diploma.
O xurado do premio, composto por Rosa Villaronga Goday, Sebas Anxo e Amelia Palacios, reuniuse na tarde do 10 de decembro para ditaminar esta XIII edición do Concurso.
Despois de deliberar, o Xurado acordou declarar como gañadora da presente edición a obra presentada baixo o título “En marea baixa” e o autor da obra gañadora resultou ser Manuel Carballeira Rivas.
Ao concurso presentáronse un total de 42 obras das que 8 foron seleccionadas para formar parte dunha exposición, que poderá ser visitada na Casa da cultura “Manuel Lueiro Rey” durante o mes de xaneiro. Así mesmo, estase a editar o catálogo desta exposición, que estará dispoñible en breve.
