O CONCELLO DO GROVE FINALIZA A PROGRAMACIÓN CULTURAL DE NOVEMBRO CON TEATRO DE HUMOR E MÚSICA CLÁSICA E MODERNA
A actriz Bea Campos presentará o monólogo Chegar e encher o venres 27 na Casa da Cultura “Manuel Lueiro Rey”, con entrada libre ata completar aforo.
· A Orquestra de pulso e púa Arousa ofrecerá un concerto o sábado 28 no Auditorio do Grove, para o que será preciso retirar convite previo.
· Ambas actividades están dirixidas a público xuvenil e adulto
O Grove, 23 de novembro de 2026.O Concello do Grove pechará a súa axenda cultural do mes de novembro cunha dobre proposta escénica e musical pensada para o público xuvenil e adulto. A programación, que conta co apoio económico da Deputación de Pontevedra, desenvolverase durante a última fin de semana do mes en dous espazos municipais de referencia.
A primeira cita terá lugar o venres 27 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura “Manuel Lueiro Rey”, coa representación do espectáculo teatral Chegar e encher.
Trátase dun divertido e ácido monólogo interpretado pola actriz e contadora Bea Campos, baixo a produción da compañía Inventi Teatro. A peza mestura a narración oral, a improvisación e o cabaré para ofrecer un "canto ao fracaso" en clave de humor, reflexionando sobre a imposibilidade de controlar o rumbo das nosas vidas e a dificultade de encaixarnos roles sociais e de xénero preestablecidos. A través dun formato próximo e directo, o público seguirá a historia dunha muller que decide romper co camiño tranquilo e previsible que se esperaba dela desde nena.
A entrada será libre ata completar aforo.
A oferta cultural continuará o sábado 28 de novembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Grove, da man da Orquestra de pulso e púa Arousa.
A formación deseñou un programa variado dividido en dúas partes ben diferenciadas. Na primeira metade do concerto interpretarán recoñecidas pezas do repertorio clásico como Recuerdos de la Alhambra, a Sinfonía nº 40ou Aragonesa, entre outras. Na segunda parte, a orquestra dará paso a arranxos propios de temas populares e contemporáneos, achegando ao público versións de grandes éxitos de ABBA, Recordando aos Beatles ou Vellas melodías europeas.
Para asistir ao concerto da Orquestra de pulso e púa Arousa será imprescindible retirar convite con antelación. Os convites poderán recollerse na Biblioteca Municipal do Grove entre os días 25 e 27 de novembro, ou ben no propio Auditorio municipal desde unha hora antes do comezo da actuación.

