Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

As entradas para o Festival de Comparsas poderanse adquirir desde as 11.00 h deste sábado no propio pavillón municipal

Fecha: 2012-02-17

As entradas para o Festival de Comparsas Concello do Grove 2012, que comezará ás 20.30 horas deste sábado 18 no pavillón de deportes, poderanse adquirir nesa mesma xornada a un prezo de 5 euros nas dúas billeteiras que se instalarán ás portas desta instalación municipal entre as 11.00 e as 13.30 horas e a partir das 17.00 horas. Permitirase o acceso do público ao interior do recinto a partir das 19.00 h coa idea de que evitar que se produzan colas para entrar ao pavillón, que contará para este acto cunha capacidade máxima de 1.500 persoas, no momento en que comece o espectáculo.

 

Unha das novidades que se incorporan á presente edición do evento é a substitución das tradicionais entradas de papel por unhas pulseiras desbotables, coas que se busca facilitar que o público asistente poida entrar e saír do pavillón con maior comodidade durante a súa celebración.

 

Segundo explicou o concelleiro de Cultura, Carlos Otero, a extensión deste Festival fai que moitos dos asistentes desexen saír do recinto nalgún momento, o que obriga ás persoas responsables de controlar o acceso a marcar a súa entrada na saída e comprobar que a posúe cando desexe acceder de novo ao interior das instalacións. Coa idea de “facer máis sinxelo este proceso”, a Concellería decidiu probar este ano o uso dunhas pulseiras desbotables, “moi habituais en eventos que congregan a un número elevado de xente”.

 

Estas pulseiras poderán ser mercadas tanto pola mañá como ao longo da tarde nas billeteiras que o Concello instalará na parte dianteira do pavillón. No momento en que as persoas que acudan a este certame pretendan acceder por primeira vez ao recinto, deberán poñelas nos seus pulsos, e xa non poderán retiralas ata o remate do acto, xa que rachan no momento de quitalas. “Con esta medida, fanse máis doados tanto os movementos dos veciños ao longo do evento como o control de acceso ao mesmo”, engadiu Otero.

 

Oito comparsas optan á Bandeira do Entroido

O Festival de Comparsas Concello do Grove dará comezo ás 20.30 horas coas actuacións das dúas agrupacións que participan neste certame fóra de concurso: Os Groveiros e Os Firrás. A continuación, sairán ao escenario, por este orde: As do 808 Línea Punk, Os Golfiños (Vilanova), Os da Bayuca, As Plus, Os Trancheiros (Vilagarcía), Os Garoulos, Os Gueros e A Marajota e Media (Vilagarcía).

 

Cada comparsa disporá neste Festival dun tempo máximo de 25 minutos para desenvolver a súa actuación, comprendendo este período desde o seu acceso ao escenario ata o abandono do mesmo.

 

De cara á obtención da Bandeira do Entroido 2012, un xurado composto por nove persoas divididas en tres bloques encargarase de avaliar tres aspectos das actuacións; a interpretación, apartado que engloba a música, o canto e a posta en escena; o vestiario, bloque no que se valorará a súa elaboración artesanal, orixinalidade e vistosidade, xunto coas maquillaxes e os complementos; e a crítica, no que se avaliarán as letras.

 

No seu bloque de competencias, os membros do xurado deberán outorgar a cada comparsa unha puntuación comprendida entre o 1 e o 8, que non poderán repetir. Ao remate das actuacións, o concelleiro de Cultura, que exercerá como secretario con voz e sen voto, será o encargado de sumar as puntuación obtidas por cada comparsa nos tres bloques e redactar a acta do Festival.

 

A agrupación gañadora, que será a que obteña unha maior puntuación no cómputo total, recibirá a Bandeira do Entroido 2012 de mans do alcalde, Miguel Ángel Pérez, ademais dun premio económico de 1.100 euros. Os segundos clasificados obterán 950 euros e un diploma, e os terceiros, 850 euros e diploma. O resto percibirán 350 euros e un diploma.

 

Homenaxe a El Zorro

Tras o remate das actuacións das dez comparsas participantes nesta gala, que será conducida por Hugo Andrade, e antes de coñecer o ditame do xurado, realizarase unha homenaxe ao recentemente falecido Manuel Rodríguez Juncal, El Zorro, a quen O Grove lle dedica este Entroido 2012.

 

Unha das novidades da presente edición será a gravación do audio e do vídeo do evento en CD e DVD. En anteriores edicións, as coplas das comparsas eran gravadas nun evento posterior, mentres que no presente ano optouse por rexistralo directamente no propio certame, para o que a empresa responsable do son empregará un mesa de mesturas Digito, de última xeración, a través da cal se realizará tanto a súa gravación de cara a súa posterior edición como a súa amplificación nun evento que contará con 30.000 vatios de son.

 

Por outra parte, ademais de ser gravado en vídeo para a súa posterior edición en DVD, o Festival de Comparsas Concello do Grove 2012 será tamén emitido polo Canal Rías Baixas o domingo 20 a partir das 22.00 horas e o luns 21 a partir das 14.30 horas.