Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O orzamento do Concello do Grove para 2012 garante a prestación de todos os seus servizos e fai unha aposta firme pola calidade na atención á cidadanía

Fecha: 2012-02-20

 

  • O documento financeiro debaterase na sesión plenaria que terá lugar o vindeiro mércores 29

 

O Concello do Grove presenta para o ano 2012 un orzamento de 9.131.000 €, un orzamento realista, destinado a xestionar de forma máis eficaz todos os recursos, seguindo criterios de austeridade, eficiencia, xestión e responsabilidade. O orzamento prioriza e mantén todos e cada un dos servizos e fai unha aposta firme por garantir a súa máxima calidade. Este documento financeiro debaterase na sesión plenaria que se realizará o vindeiro mércores 29 de febreiro.

  

Recordase desde o Goberno municipal que a situación económica atopada é moi difícil e aínda así este orzamento é capaz de manter o mesmo nivel de cobertura dos servizos prestados (grazas ás reformas impulsadas polo actual Goberno), a pesar da diminución dos ingresos procedentes de outras administracións, como por exemplo os preto de 4.000.000 de euros que se ingresaron polo Plan E en anos anteriores. Igualmente o orzamento absorbe o remanente de tesourería para gastos xerais negativo por un importe 203.808,87 euros que deixou o anterior Goberno. Por este motivo, e aínda que o capítulo de ingresos a cantidade é de 9.131.000 euros, os gastos redúcense a 8.927.191,13 € euros (un 4,4% menos que o orzamento elaborado polo anterior Goberno). Igualmente, o presente orzamento inclúe os gastos de 136.000 derivados dunha sentenza xudicial a favor da Comunidade de Propietarios da Toxa.

 

O actual Goberno soluciona esta diminución dos recursos económicos dispoñibles coa actualización das taxas e dos impostos de IBI e de vehículos de tracción mecánica. Igualmente hai que sinalar a aposta clara da loita contra a fraude en materia catastral, o que vai permitir unha maior equidade tributaria. O Goberno manterá tolerancia cero coas infraccións urbanísticas.

 

Gastos

Na capitulo de gastos o orzamento prioriza os investimentos que leven asociado a atención social, a xeración de emprego, a dinamización comercial, asegurar a prestación do conxunto dos servizos públicos e a dinamización turística e os investimentos en equipamentos fundamentais. O Goberno quere que as persoas, familias e colectivo que precisan do apoio do concello o sigan tendo ao cen por cento.

 

No eido da atención social, realizase una aposta firme por manter todos e cada un dos programas cos que garantir a prestación dos servizos e programas que repercutan nun maior benestar dos veciños e nunha maior calidade de vida. Practicamente a metade do orzamento está destinado á prestación dos servizos sociais, educación, mocidade, cultura, deporte e emprego.

 

Este orzamento, a diferenza dos anteriores, inclúe unha aposta clara e firme pola promoción turística e o reforzo da capacidade de atracción turística do Grove. Non hai que esquecer que o turismo será o único sector de crecemento nos vindeiros anos. A promoción intensa da Festa do Marisco e as accións desestacionalizadoras serán os eixes estratéxicos do Concello do Grove neste eido. O esforzo polo mantemento das Bandeiras Azuis nas praias tamén se contempla entre os gastos.

 

Con respecto ás políticas de emprego, manifestarase a través da orientación, formación e fomento do autoemprego. A nivel interno maniféstase no reforzo dos servizos e coa aposta de mantemento dos postos de traballo existentes no concello.

 

O 20% dos gastos están destinados para manter estradas, beirarrúas, parques, xardíns, iluminación, rede de auga e de sumidoiros… No eido dos investimnentos, contémplanse o cambio do céspede do campo de fútbol municipal do Monte da Vila, a creación da Nova Escola de Música, a construción do novo pavillón de deportes, investimentos nos colexios, a creación da depuradora, a redacción do PXOM, a pista para skate…, sen ter en conta outros investimentos que a maiores cheguen da Xunta de Galicia ou da Deputación de Pontevedra para este ano. O Goberno do Grove está buscando financiamento para a posta en marcha dun novo espazo cultural, a creación da ruta cicloturística, a construción do centro de día, etc.