O Concello do Grove aproba as bases polas que se rexerán as axudas para incentivar a obtención do graduado en ESO de persoas adultas
Fecha: 2012-05-07
Estas axudas cubrirán os gastos de academia en caso de que o alumnado finalice con éxito os seus estudos
O Concello do Grove aproba as bases polas que se rexerán as axudas para a obtención do graduado en ESO das persoas maiores de 18 anos. O obxectivo é promover a Educación de Persoas Adultas a través de axudas para o estudo, que pretenden premiar o esforzo e incentivar a consecución do graduado en ESO.
Están destinadas para persoas que non completaron os seus estudos básicos ou que teñen a EXB, pero non a ESO, para que rematen os seus estudos e obteñan o título de graduado en ensinanza secundaria obrigatoria (ESO) durante o presente curso 2011-2012, mediante a presentación ás probas extraordinarias que convoca anualmente a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.
Este sistema de bolsas permite que o alumnado que queira presentarse aos exames do centro de Pontevedra, como viñan facendo ata o momento, poidan recibir clases de apoio das materias que precisan en academias locais, no horario que mellor lle conveña, ampliando o abanico de posibilidades para combinar os horarios laborais, familiares e de estudo. As axudas serán como máximo de 200 euros por módulo superado, que se aboarán nun pagamento único cando o alumno ou alumna xa estea graduado. As axudas serán para cubrir os gastos de academia desde novembro a xuño, en caso de que o alumno ou alumna finalice con éxito os seus estudos nalgunha das dúas convocatorias anuais establecidas –ordinaria e extraordinaria-.
Os únicos requisitos que se solicitarán serán, ademais de superar con éxito os módulos, que a renda anual máxima da unidade familiar non supere o dobre do salario mínimo interprofesional, estar empadroado no Concello do Grove, e presentar as facturas de academia de catro meses por módulo superado.
Estas bolsas de estudo englóbanse nun paquete de actuacións que porá proximamente en marcha o Concello do Grove para promover o retorno educativo e evitar o abandono escolar. Así, ademais destas axudas para a Educación de Adultos, este curso recuperaranse os premios para os mellores expedientes académicos e proximamente se porá en marcha unha campaña de sensibilización con dous obxectivos: evitar o abandono escolar, xa que o importante é previr que a mocidade deixe os estudos; e fomentar o retorno educativo para aquelas persoas que queiran seguir formándose, informando de todos os recursos educativos existentes.
Consulte o texto íntegro das bases aquí >