Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

Programación municipal para conmemorar o Día das Letras Galegas

Fecha: 2012-05-10

O Concello de Grove conmemorará o Día das Letras Galegas cunha programación de actividades que se está a desenvolver desde principios de maio e se prolongará ata o venres 18. Esta programación inclúe exposicións e a presentación dun libro, bibliotroco, contacontos, feira do libro e actuacións de danza e música, entre outras propostas. O seu obxectivo, segundo explica o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio, Alexandre Aguín, “é ofrecerlle ao cidadán un amplo abanico de actividades coas que festexar e conmemorar o Día das Letras Galegas e, de paso, fomentar o hábito da lectura en galego. É importante apostar por defender o uso do noso idioma e da nosa identidade”. En total, a programación inclúe ata dez actividades e propostas para todas as idades, que se levarán a cabo na biblioteca municipal e na praza do Corgo.

Acompañando as actividades da programación das Letras Galegas, repartirase entre todos os participantes o “lapis máxico que só escribe en galego”. Trátase dunha iniciativa que pretende concienciar e sensibilizar sobre a importancia de manter e defender o idioma galego, tanto na fala como na escrita, facéndolle comprender á cidadanía que está nas súas mans facelo.

 

Bibliotroco e exposición

A programación das Letras Galegas xa deu comezo con “Bibliotroco, compartindo lecturas” e coa exposición sobre o homenaxeado este ano polas Letras Galegas, Valentín Paz-Andrade “Colleita do 1898”. O bibliotroco, ou mesa de intercambio de libros, organízase na Rede de Bibliotecas do Grove ata o día 18. Busca fomentar a cultura, o hábito lector e, asemade, dotar aos libros dunha segunda oportunidade. O procedemento é moi sinxelo. As persoas interesadas deben achegarse á biblioteca municipal do Grove, revisar os libros expostos na mesa de intercambio e coller os exemplares que máis lles gusten. Así mesmo, poderán deixar outros libros que xa leron. Os primeiros exemplares xa foron cedidos pola propia Rede de Bibliotecas.

Tamén, ata o día 18, na biblioteca do Grove se pode visitar a exposición sobre Valentín Paz-Andrade. É unha colección de dez carteis que conforman a exposición "Colleita do 1898", acompañada dunha guía didáctica explicativa, para fomentar o achegamento do público a este autor e á súa obra.

 

Presentación de Daniel Ameixeiro

Pola súa banda, mañá venres o escritor Daniel Ameixeiro presenta na Casa da Cultura do Grove o libro A Torre das Lavercas. Organizado pola Edicións Xerais e coa colaboración do Concello do Grove, o acto comezará ás 20.00 horas. Daniel Ameixeiro (O Grove, 1962) é enxeñeiro de Telecomunicacións e desde 1982 reside en Madrid, cidade onde traballa. Ten publicado: Bonifacio foi a palacio (1999), Xan e Pericán (Xerais 2004), finalista do Premio Merlín 2003 e A Torre das Lavercas (Xerais 2012).

 

Contacontos

Para os máis pequenos da casa a programación das Letras Galegas inclúe contacontos os días 16 e 17 de maio. O martes é a quenda de “Carola, a carteira centola”, a cargo de Mau e Pin. Ás 17.30 horas, na biblioteca pública municipal do Grove, Mau e Pin, autores da colección "Polo correo do vento" (Xerais), propoñen unha actividade de exposición oral co coñecemento da cultura do mar e de respecto do medio, todo isto vencellado a unha ilustración plástica. Esta actividade completarase coa realización por cada neno/a dun debuxo guiado polo ilustrador.

Xa o día 17, á mesma hora, pero nesta ocasión na praza do Corgo, estará o contacontos “Dada, o Duende”. Co obxectivo de fomentar o hábito lector entre os nenos e as nenas, estes gozarán dunha divertida sesión chea de contos que lles irá relatando un trasno chamado "Dada". Esta sesión de contacontos fará as delicias do público infantil grazas a divertidos e amenos contos adaptados á súa idade.

 

Día das Letras Galegas

As actividades do xoves 17 de maio, na praza do Corgo, desenvolveranse desde as 17.00 horas. Comezará coa Feira do Libro, a cargo da Asociación de Libreiros do Grove en colaboración co Concello do Grove. A Concellería de Documentación contará tamén cunha mesa informativa, onde se explicarán os diferentes servizos cos que conta, a forma que ten a cidadanía de poder acceder a eles, os horarios... e darase resposta ás preguntas e dúbidas que poidan ter sobre os servizos ou o seu funcionamento. Outra das presenzas importantes da xornada serán as dos artistas locais Gogue e Juan Sendino, que asinarán libros para os asistentes.

 

Para os nenos, ademais do contacontos, tamén haberá dous grandes inchables, mentres que a partir das 19.00 horas comezará a actuación da Asociación Cantodorxo. Os diferentes grupos de baile desta asociación interpretarán unha completa e variada mostra de baile galego co fin de entreter e deleitar o público asistente. Xa ás 20.30 h, a música correrá a cargo do cuarteto Carapaus, que ofrecerá un concerto folk do máis enxebre e festeiro para que o público asistente teña un moi bo final de festa.