A escola de verán en inglés do concello do Grove facilitará a conciliación de 240 familias
Fecha: 2012-06-22
O Concello do Grove, a través da concellería de Educación, facilitará a conciliación dos horarios de preto de 240 familias durante os meses de xullo e de agosto a través da Escola de Verán. Este programa municipal supón unha alternativa lúdica e de ocio, promovida e supervisada polo Concello do Grove, para gozar das vacacións ao mesmo tempo que se ofrece unha solución aos problemas de compatibilización dos horarios das familias. Este ano, como novidade principal, apóstase por combinar as actividades de ocio e de tempo libre coa inmersión na lingua inglesa.
Para explicar o programa de actividades e outros aspectos do funcionamento da Escola de Verán, a concelleira de Educación e as persoas responsables da academia Kids and Us –coordinadora do campamento-, reuniranse cos pais e nais dos participantes o mércores na Casa da Cultura do Grove -20.00 horas-.
A Escola de Verán contará con filólogos, educadores sociais, profesores de primaria… con alto nivel de inglés e que serán os encargados de convertela nun espazo de diversión para os participantes. Facilitarán que o alumnado se introduza no inglés a través de xogos, cancións e actividades estimulantes para cada grupo de idade, conseguindo que volva cada día á súa casa coa sensación de que gozou de experiencias divertidas e diferentes, sen darse conta de que o fai mentres aprende inglés. Os participantes serán divididos en grupos, en función da idade.
A Escola de Verán inaugúrase o luns día 2 nas instalacións do IES Monte da Vila en dous horarios. O horario normal é de 9.00 a 14.00 horas, e o horario ampliado, de 8.00 a 14.30 horas. Cada semana os rapaces gozarán dunha temática diferentes, con obradoiros de manualidades, saídas, deportes, xogos e outras actividades. A primeira semana será “Around the world”, co obxectivo de coñecer as diferentes culturas do mundo.
- O mércores convócase unha reunión coas nais e pais dos participantes para explicar o funcionamento.
- Permitirá conciliar os horarios laborais coas vacacións dos nenos de 3 a 12 anos