El Ayuntamiento organiza dos Andainas Saudables para este sábado
Fecha: 2012-10-04
Este sábado, 6 de outubro, terá lugar no Grove a derradeira Andaina desta tempada do Circuíto Galego de Andainas Saudables 2012, andainas que están patrocinadas por Eroski.
Trátase dunha actividade promovida desde a Xunta de Galicia e encadrada no Plan Galicia Saudable. O Grove foi dos primeiros municipios que se acolleu a este plan, e tamén dos primeiros en inaugurar a Unidade de Promoción de Exercicio (UPE) en Galicia.
Durante todo o verán leváronse a cabo estas actividades noutros concellos como Ribadavia, Sarria, Xinzo, O Porriño, Cee, Cambre, Arteixo, Sada, Celanova, Cambados e Chantada.
O circuíto de Andainas Saudables está orientado para iniciarnos na actividade de camiñar para mellorar a nosa saúde a través da actividade física. Os percorridos son circulares, volven ao lugar de saída, discorren pola nosa contorna máis próxima e, grazas ao seu perfil baixo, son perfectos para incorporar hábitos saudables de actividade física na nosa vida cotiá.
Temos que ter en conta datos salientables, como que o 63% da poboación galega non realiza suficiente actividade física. A inactividade aumenta o risco de padecer hipertensión, colesterol, cancro ou diabetes e de morrer prematuramente.
Por outra banda, máis do 54% da poboación de Galicia padece sobrepeso ou obesidade. A inactividade física inflúe no aumento da porcentaxe de graxa corporal. Durante toda esta semana, o Eroski Center ten montado un posto onde dúas azafatas se encargarán de dar información e inscribir as persoas participantes. O día da andaina Eroski agasallará a todas as persoas inscritas cunha mochila con auga, zume e froita.
Estes paseos son aptos para todo tipo de persoas, sendo un percorrido sen apenas pendentes que pasan polos parques biosaudables instalados nos concellos. O grupo irá acompañado por monitores que darán unha pequena explicación sobre como empregar cada máquina.
En concreto, no Grove a saída será desde a estatua da Familia Mariscadora, na praza do Corgo, ás 9.30 horas. O Eroski instalará unha carpa onde poder recoller as mochilas coa tarxeta de inscrición. Algúns dos puntos por onde pasará serán: paseo marítimo de Beiramar, As Vesadas, a Illa da Toxa…, para regresar de novo ao punto de partida. A andaina ten un percorrido de 7,2 km, e finaliza sobre ás 11.00 h da mañá.
Nesa mesma xornada e coincidindo con esta andaina curta, faremos unha actividade moito máis exixente, un percorrido de 23 km dun grande interese paisaxístico, que rodea toda a península do Grove.
Contaremos con monitores e co apoio de Protección Civil, e haberá varios puntos ao longo do percorrido onde poder repoñer forzas. Esta andaina terá unha duración de 4-4,5 horas, e aconséllase que as persoas participantes teñan o hábito de andar, que non se aventuren persoas con hábitos sedentarios, pois para elas está pensado o primeiro percorrido. Quen queira facer este percorrido máis longo ten que inscribirse na Concellaría de Deportes, na Casa do Concello do Grove ou no teléfono 657 464 277.
