A Concellería de Cultura organiza este sábado o I Certame de Corais da Terceira Idade coa participación das agrupacións de Dena, Moaña e O Grove
Fecha: 2013-05-23
A Casa da Terceira Idade do Grove acollerá este sábado 25 ás 18.00 horas o I Certame de Corais da Terceira Idade, no que actuarán as agrupacións da Asociación Club de Pensionistas e Minusválidos de Dena, Meaño, do Club de Xubilados e Pensionistas Nosa Señora do Carmen de Moaña e a coral da Asociación de Xubilados e Pensionistas do Grove (AXUPEN).
Con esta actuación, a Concellería de Cultura e Terceira Idade, que organiza este certame coa colaboración de AXUPEN e da Deputación de Pontevedra, dá inicio ao ciclo Concertos de Irmandade, no que pretende reunir ás agrupacións musicais de diferentes colectivos de xubilados e pensionistas. Como explicou o responsable deste departamento, Carlos Otero, con esta iniciativa búscase tanto achegar actividade cultural ao centro da terceira idade grovense como contribuír a visibilizar a labor cultural levada a cabo no seo das asociacións de pensionistas.
Nesta primeira actuación, con entrada libre e gratuíta, estarán presentes as corais das asociacións de pensionistas de Dena, Moaña e O Grove, que interpretarán todas elas tres cancións en galego con motivo do Mes das Letras, durante o que o Concello do Grove promove diferentes iniciativas culturais arredor da conmemoración do Día das Letras Galegas.
Segundo explicou Otero, as tres agrupacións participantes serán agasalladas pola súa presenza neste recital cunha placa e un diploma conmemorativos, antes de que o acto se peche coa interpretación conxunta do Himno Galego por parte dos integrantes das tres corais participantes.
De abrir o recital encargarase a coral do Club de Xubilados e Pensionistas de Dena, que dirixe Elisardo Vidal. A súa vintena de compoñentes interpretará para a ocasión O vento mareiro de Treixadura e as cancións populares galegas "O meu amor mariñeiro" e "Tabaqueira".
Sucederanos no escenario da Casa da Terceira Idade as preto de corenta persoas que compoñen a coral do Club de Xubilados Nosa Señora do Carmen de Moaña, que baixo a dirección de Marisa González porán voz ao Popurrí galego e á Muradana de Ángel Viro e a unha peza titulada "De Marín a Portonovo".
Xa por último, actuará neste certame a coral nacida no 2006 no seo de AXUPEN e dirixida desde os seus inicios polo propio concelleiro Carlos Otero. Nesta xornada, os seus 33 integrantes interpretarán as cancións populares galegas "Fisterra", "O voso galo, comadre" e "Lévame".