A Concellería de Educación substituirá as ventás de tres aulas do CEIP Valle-Inclán para mellorar a eficiencia enerxética
Fecha: 2013-12-02
- Inclúense nun paquete de actuacións que se levan a cabo neste último trimestre do ano en diferentes centros escolares
A Concellería de Educación do Grove está levando a cabo un plan de actuacións nos centros escolares neste último trimestre do ano, co fin de resolver algúns dos problemas que presentan desde o inicio do curso. Noutros casos, como no CEIP Valle-Inclán, resolverase un dos problemas que a dirección do centro e a ANPA veñen denunciando. Neste centro cambiaranse as ventás de tres aulas da planta baixa, que teñen problemas para manter a calor, e que son especialmente frías no inverno.
O Concello fará un investimento de 12.000 euros para substituír as ventás actuais de tres aulas de primaria da planta baixa do centro, que son as que presentan este problema. As ventás actuais substituiranse por ventás de dobre cristal e con lama térmica, que permitirán resolver as fugas de calor destas tres aulas. Ademais de mellorar a eficiencia enerxética, tamén redundará nunha maior comodidade e seguridade para o alumnado, e aumentará a claridade da aula, xa que as dimensións dos cristais serán maiores que as dos actuais.
No que respecta ao resto de aulas, o Concello do Grove solicitará a colaboración da Consellería de Educación para poder continuar con este cambio durante o próximo ano.
Tamén neste colexio, a Concellería de Educación acometeu obras na antiga casa do conserxe, que agora servirá para albergar actividades e programas para o alumnado do centro que, tanto as se organicen por parte do propio Concello como por parte da Asociación de Nais e Pais de Alumnos. Finalmente, nos próximos días instalaranse dous aparcabicicletas no centro, a petición da ANPA.
No que respecta ao colexio Rosalía de Castro, xa remataron os traballos para substituír as táboas de madeira do escenario do ximnasio, danadas pola humidade e a choiva tras as obras de cambio da cuberta realizadas recentemente pola Consellería de Educación. Tamén se cambiou o peche da parte inferior do palco, que serve de almacén, e repuxéronse as caixas de madeira para gardar o material deportivo. Tamén neste centro, e dando resposta ás prioridades marcadas pola dirección do colexio, instaláronse dous radiadores nunha das aulas de primaria e, coincidindo coas vacacións de Nadal, solucionaranse os problemas de humidades que presenta unha das aulas de apoio do centro.
Tamén se acometeron actuacións nos dous institutos do municipio. No caso do IES As Bizocas, asfaltouse a beiravía da entrada do centro, onde paran os autobuses escolares, para evitar a creación de pozas nos días de choiva. E no caso do centro do Monte da Vila, mellorouse a seguridade viaria do exterior, e durante o Nadal aproveitaranse as vacacións para retirar as pedras que hai no patio e mellorar a seguridade do alumnado.
Nos colexios das Bizocas e Con Meniño as obras completáronse durante o verán. A Concellería de Educación fixo un investimento de 15.000 euros neste dous centros para completar os traballos de mellora da instalación eléctrica feita desde a Consellería. No caso das Bizocas, completouse coa substitución das portas dos aseos do centro, e en Con Meniño solucionouse un problema de humidades.