A Concellería de NN TT, Documentación e Patrimonio convida a grandes e pequenos a divertirse con contos, maxia, humor, talleres e outras sorpresas durante o Nadal
Fecha: 2013-12-12
A Concellería de NN TT, Documentación e Patrimonio, en colaboración coa Concellería de Educación, programa para as vacacións de Nadal actividades para grandes e pequenos, co obxectivo de que gocen das festas con actividades que esperten a súa creatividade e fomenten o seu gusto pola lectura. Os contos, a maxia, o humor, talleres e outras sorpresas son as propostas para que a cidadanía de diferentes idades aproveite ao máximo as vacacións nas bibliotecas do Grove.
Diversión en familia
A programación comeza o 20 de decembro, as 17:30 h cunha tarde de Diversión en familia. Expresión Produccións traerá ata O Grove Chapuzas a domicilio. Sorpresas, humor, maxia e clown caracterizan este sorprendente e interactivo espectáculo a cargo de dous artistas do gotelé. Está dirixido a público familiar e a entrada é libre.
A continuación farase a entrega dos premios do XV Concurso de Postais do Concello do Grove. O premio para o debuxo gañador será un lote de libros, material escolar e a súa publicación en forma de postal do Nadal dixital, que utilizará o Concello do Grove para realizar as felicitacións oficiais do Nadal. As postais de Nadal quedarán expostas na biblioteca Municipal.
Obradoiro de Manga
O 27 de decembro, a partir das 11:00 h, será a quenda para a mocidade, que poden asistir a un Obradoiro de Manga (Banda Deseñada Xaponesa) a cargo de David Prieto Seijo "GoChi"
Neste obradoiro os participantes achegaranse aos pasos básicos e conceptos principais do Manga, as técnicas e os materiais, como definir e debuxar unha personaxe, como retocala no ordenador e como se enfía unha historieta son algúns dos temas que se desenvolverán neste obradoiro creativo de Manga.
As prazas son limitadas polo que é necesaria a inscrición previa na propia biblioteca municipal ou a través do correo electrónico biblioteca@concellodogrove.com
Cantacontos
Migallas Teatro achegará ata a biblioteca municipal o seu espectáculo Cantacontos o 28 de decembro, as 17:30 h, para o cal é necesario recoller invitación.
Dirixido a público infantil e familiar. En Cantacontos os contos tradicionais ou de creación propia son arrequentados con cancións, música ou sons que contribúen a espertar emocións nos nenos e nenas. Todos os contos tratan cuestións próximas ós/ás nenos/as e convídanos a participar no seu desenlace. As cancións complementan os seus contidos.
A continuación terá lugar a entrega de Premios aos Mellores Lector@s do ano nas categorías infantil, xuvenil, adultos e sénior, que recibiran cadanseu lote de libros.
Lecturas con premio
Durante este Nadal a lectura ten premio na Rede de Bibliotecas do Grove.
Ademais dos premios aos Mellores Lectores do ano, e coa colaboración da Concellería de Comercio, todos os usuarios e usuarias que fagan uso do servizo de préstamo, entre o 23 de decembro e o 6 de xaneiro, recibirán un agasallo e participarán no sorteo de libros.
Os Reis Magos tamén teñen e-mail
Inmersos na promoción das novas tecnoloxías, os Reis Magos de Oriente poñen de novo á disposición dos nenos do Grove un enderezo de e-mail a través da páxina web do concello. Os rapaces poden utilizar os ordenadores da Rede de Bibliotecas do Grove para achegarlles todas as súas peticións. O enderezo é reismagos@concellodogrove.com