Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

A Concellería de Educación convoca o III Concurso de Relato Curto para bacharelato e segundo ciclo da ESO

Fecha: 2013-12-13

 

 

O obxectivo é fomentar entre os estudantes da localidade a escritura creativa e o gusto pola lectura

Os relatos gañadores publicaranse na revista local Sustansia do mes de abril

 

O Concello do Grove, a través da Concellería de Educación, convoca a terceira edición do concurso de relato curto destinado ao alumnado de bacharelato e de segundo ciclo da ESO que estea matriculado nalgún dos centros da localidade. O obxectivo que se persegue coa convocatoria deste concurso é motivar ao estudantes dos últimos cursos na escritura creativa e no gusto pola lectura. Os premios en cada unha das dúas categorías será a publicación do relato na revista local Sustansia do mes de abril, coincidindo coa celebración do Día do Libro e do Día do Libro Infantil; cen euros en cheques regalo para gastar no comercio local e un lote de libros.

 

As persoas interesadas poderán participar cun microrrelato orixinal, inédito e da súa autoría, que non fose premiado en ningún outro concurso. O tema será libre e a extensión de entre 400 e 600 palabras, escritas en ordenador con letra Arial de 11 puntos e a dobre espazo. O relato entregarase, sen asinar, impreso por triplicado e en arquivo electrónico (CD), en formato Word ou Writer nun sobre. Así mesmo, anexarase unha plica en cuxo exterior constará unicamente o título e o lema e no seu interior o lema e o título, xunto co nome, apelidos, enderezo, teléfono e correo electrónico do autor ou autora, así como o nome do centro educativo.

 

Os traballos entregaranse no propio centro escolar, e o persoal municipal designado pasará a recollelos o 28 de febreiro. O ditame do xurado farase público a primeira semana de marzo e a entrega de premios terá lugar a principios de abril, coincidindo coa conmemoración do Día do Libro Infantil e Xuvenil.

 

Desde o Concello do Grove, a edil Laura Besada anima o alumnado dos dous centros de secundaria a que participen neste concurso. “Todos temos algo que contar, e dunha idea poden saír textos e relatos moi interesantes”, destaca. Ademais, agradece nunha nova ocasión a colaboración da revista Sustansia, onde se publicarán os relatos gañadores. “É unha satisfacción para os estudantes ver publicados os seus relatos nunha revista que coñecen, que len e que ten unha importante difusión no noso concello. E así nolo transmiten as gañadoras das dúas primeiras edicións do concurso”, valora. Esta actividade tamén é unha oportunidade para seguir potenciando e dinamizando o comercio local, xa que ademais da publicación do relato, o premio en cada unha das categorías serán vales de 100 euros para cambiar en establecementos comerciais da localidade.

 

Na primeira edición do concurso a gañadora foi Beatriz Escribano de la Torre, co relato Primeiro día de traballo. Ademais da premiada, o xurado tamén destacou os relatos das alumnas Carme Domínguez Prol, con Relato dun recordo, e de Marta Díaz Álvarez, que presentou ao concurso O galo iniciou o canto. O ano pasado, o relato Un café distinto, da alumna Sara Santaya Prieto, gañou o concurso. Nesa edición tamén recibiu un accésit Carme Domínguez Prol, polo seu relato Noite de soños.