Os Reis Magos de Oriente, en colaboración co Concello do Grove, animan a rapazada meca a escribirlles en galego, e tamén por e-mail
Fecha: 2013-12-20
Os Reis Magos acaban de contactar co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello do Grove, dependente da Concellería de Patrimonio e Documentación do Concello do Grove, dirixida por Alexandre Aguín, para poñer en marcha a campaña de dinamización lingüística Aos Reis Magos, en galego!, que procura promover entre as rapazas e rapaces mecos a escrita das súas cartas aos Reis en lingua galega. O SNL do Concello preparou un modelo de carta aos Reis Magos para que a rapazada poida pedir, un ano máis, os seus agasallos na nosa lingua.
O cartel da campaña e as cartas para os Reis Magos distribuíuse entre os centros educativos de infantil e primaria do municipio. As cartas, unha vez escritas, poden depositarse antes do día 6 de xaneiro nas caixas do correo postas para o efecto nas casas da cultura do Grove e de San Vicente, ou tamén na do Carteiro Real, cando nos visite.
Do mesmo xeito, as Súas Maxestades de Oriente tamén se puxeron en contacto coa Rede de Bibliotecas do Grove para implementar a campaña complementaria Os Reis Magos teñen e-mail!, que acaban de poñer en marcha coa reactivación do “E-mail Real” reismagos@concellodogrove.com, o cal tamén pode empregar a xente miúda do Grove para facerlles chegar as súas peticións aos Reis Magos a través das novas tecnoloxías.
Modelo de carta para as Súas Maxestades de Oriente