O programa 'As imaxes tamén contan' regresa este sábado á biblioteca municipal coas caricaturas de Gogue
Fecha: 2014-03-10
-
Organizado polas concellerías de Documentación, Patrimonio e Novas Tecnoloxías e de Educación do Concello do Grove
A biblioteca municipal do Grove retoma este sábado o programa “As imaxes tamén contan”, e faino da man do artista local Gogue. Trátase dunha iniciativa posta en marcha polas concellerías de Educación e de Documentación, Patrimonio e Novas Tecnoloxías. O obxectivo desta actividade é achegar os asistentes á experiencia real do debuxo e da ilustración; descubrir as posibilidades expresivas, significantes e comunicativas da imaxe; desenvolver a creatividade dos participantes; promover procesos de coñecemento da animación mediante técnicas de debuxo e ferramentas tecnolóxicas e fomentar a compresión lectora por medio das imaxes e a lectura dos contidos.
O terceiro encontro do programa será este sábado con Gogue e as súas caricaturas. A cita é ás 11.00 horas na biblioteca municipal, onde realizará unha demostración das técnicas do seu traballo e agasallará os asistentes coa realización de caricaturas. Tamén se establecerá un pequeno debate co fin de que o público poida facer todas as preguntas que considere oportunas para seren contestadas por Gogue. Este artista publica no Faro de Vigo e Strategyweek, American Politics Journal, Humorinthenews, The Earth Thimes, The Bush Blade ou na Clever Magazine, estes últimos dos Estados Unidos. As persoas interesadas en participar xa poden realizar a súa inscrición na biblioteca municipal.
Este programa está espertando grande interese entre a cidadanía. Xa pasaron polo Monte da Vila Luis Dávila, co seu taller de viñetas e caricaturas, así como Mau (Enrique Mauricio Iglesias) e Pin (Carlos Álavarez Taboada), autores da colección “Polo correo do vento”, publicada por Xerais. E rematará o sábado 22 de marzo cun obradoiro de ilustración a cargo de Pepe Carreiro, escritor, debuxante e ilustrador infantil creador da serie Os Bolechas (editada por A Nosa Terra). É humorista gráfico, debuxante e guionista de banda deseñada. Tamén é súa a serie Os Formigón (A Nosa Terra); a serie Os Pequenos Barbanzóns, en colaboración con Abraham Carreiro (Toxosoutos); e varios contos para as coleccións Contos do Miño (A Nosa Terra), Merlín (Xerais), Árbore (Galaxia) e A chalupa (Galaxia). Foi tercerio premio ex aequo con Xan González do Concurso Nacional O Facho de Cómics para nenos en 1980, por A illa dos carballos. No ano 2013 recibiu o premio Bo e Xeneroso da AELG.