Esta web utiliza cookies de terceros con el fin de mejorar el servicio web. Podrá obtener más información consultando nuestra Aviso sobre cookies.
ACEPTAR

O alcalde do Grove considera que o Concello de Sanxenxo se equivoca co anuncio para reclamar a titularidade da praia da Lanzada

Fecha: 2014-03-24

 

Miguel Pérez: “Non sei se esta maneira de proceder obedece a algún tipo de complexo, a unha escasa visión ou a unha desesperación política”

 

O alcalde do Concello do Grove, Miguel Ángel Pérez, amosa a súa “sorpresa” e “incredulidade” polo recente anuncio do Concello de Sanxenxo para reclamar a titularidade de toda a extensión da praia da Lanzada. “Non alcanzo a comprender a estas alturas, e con todos os problemas que temos os concellos, que un representante municipal gaste esforzos e recursos neste tema, cando debemos centrarnos en solucionar os asuntos que realmente lle importan á veciñanza e repercuten no seu benestar”, valora o rexedor, que engade: “Non sei se esta maneira de proceder obedece a algún tipo de complexo, a unha escasa visión ou a unha desesperación política, seguindo a cegas o que lle marcan os comuneiros de Noalla”.

 

Segundo Pérez, “equivócase o Concello de Sanxenxo e, polo tanto, equivócase a súa alcaldesa, con este anuncio”. Considera que o único sensato que di a nota de prensa que publican é que “admite que a praia da Lanzada é do Grove, ao dicir que promoverán unha petición de revisión de lindes do termo municipal de Sanxenxo para incluír ao istmo da Lanzada”. Recorda que “A Lanzada pertence ao municipio do Grove, historicamente e por lei natural, que di que este tipo de areais, cando nacen, pertencen á illa que se anexionan. Polo tanto, non hai lugar a dúbidas”.

 

“Este tipo de impulsos político-electorais teñen un curto percorrido e, ao longo, acaban volvéndose en contra. Esta declaración de intencións ten todos os ingredientes para querer tapar outro tipo de problemas, converterse nunha cortina de fume para distraer a atención dos veciños, atención que de seguro está noutras frontes”, valora o alcalde.

 

Miguel Pérez considera que “a xente do Grove é xente pausada, afectiva e cunha tendencia natural a tender a man, polo que non é de recibo que se lle responda con esta arrogancia e hostilidade”. Entende que o lóxico e sensato sería ter falado anteriormente deste tema co Concello do Grove en lugar de “lanzar esa declaración publicamente e sen avisar”. Explica que “só un día antes” de que facer o anuncio –o xoves-, coincidiu nunha comida de traballo coa alcaldesa de Sanxenxo, que non fixo referencia “en ningún momento” a estas intencións.